Patricia Iglesias acusa ao PP de deixar abandonada á provincia de Lugo con “cero proxectos industriais estratéxicos”, mentres o Estado destina 215 millóns de euros á planta de bioenerxía de Norvento e ao proxecto de Ignis Vapor Alfa
Critica a “política errática, improvisada e sen visión estratéxica” do goberno galego en materia e solo industrial, que rexistra as ventas máis baixas da última década
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou hoxe ao goberno galego de ter “abandeirado politicamente” o proxecto de macroplanta de celulosa de Altri sostida tan só polo “fume e propaganda” do PP. Así o dixo na comparecencia da directora xeral de Estratexia Industrial na Comisión de Industria do Parlamento, á que lle afeou a “política errática, improvisada e sen visión estratéxica” en materia de solo industrial por parte do goberno galego.
“O que se desenchufa é Altri, non Lugo”, remachou logo da negativa á subestación eléctrica que necesitaba a empresa por canto suporía “hipotecar o futuro dos nosos fillos e fillas” implantando unha macrocelulosa “no corazón de Galicia”. Criticou que sexa a Xunta a que está a deixar abandonada á provincia con “cero proxectos industriais estratéxicos” mentres o Estado inxecta 215 millóns en proxectos como a planta de bioenerxía de Norvento ou a inciativa de Ignis Vapor Alfa.
Defendeu o impulso de “proxectos que aportan valor, non industrias contaminantes como é implantar unha macrocelulosa no corazón de Galicia”, froito da falla de dirección na política industrial de Galicia por parte do goberno galego.
Neste sentido, criticou a “política errática, improvisada e sen visión estratéxica” do goberno galego en materia de solo industrial, que “carece de planificación nin vontade real de actuar”. Explicou que como consecuencia deste desleixo Galicia ten rexistrado en 2024 a cifra máis baixa de ventas de solo industrial -agás o ano da pandemia-, con apenas 7,6 millóns de euros, lonxe dos 20 millóns rexistrados no ano 2023.
Advertiu que a política de bonificación de prezos implantada polo goberno galego, “lonxe de resultar eficaz, provocou que Xestur acumule perdas ano tras ano”, obrigando a unha transferencia de máis de 32 millóns de euros dende o ano 2021 “para tapar o déficit e financiar novos proxectos”.
Iglesias reclamoulle ao goberno galego que poña en marcha un Plan integral de solo industrial que teña en conta as necesidades reais de ampliacións, incentivos para atraer empresas, as obras de conservación e mellora necesarias e a dotación de servizos básicos.