

Patricia Iglesias censura o desleixo do goberno galego entre o colapso da balsa mineira hai 12 anos e a avalancha provocada polo colapso da antiga mina a finais de xaneiro
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou hoxe á Xunta de non ter feito “absolutamente nada” para esixir a restauración da mina abandonada de Monte Neme -Carballo/Malpica- nin para garantir a seguridade. Iglesias presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria do Parlamento na que denunciou o desleixo do goberno galego para prever un accidente que non provocou danos persoais “por sorte”.
A responsable socialista acusou ao PP de levar 12 anos “mirando para outro lado” dende o colapso dunha balsa mineira en 2014 ata a avalancha rexistrada o pasado 31 de xaneiro, e lembrou que a responsabilidade da restauración e da seguridade é da Autoridade Mineira Galega, que depende da Xunta. Este suceso foi, dixo, “a crónica dun accidente anunciado”, que arrastrou toneladas de lodos e material mineiro arrasando “absolutamente todo ao seu paso”.
Criticou a xestión do goberno galego porque, sinalou, “cando falamos de minas abandonadas non chega con incoar expedientes sancionadores”, senón que o goberno galego ten a obriga de actuar cando a empresa titular entra en concurso de acredores ou non ten capacidade de responder. Advertiu que “estamos ante unha falla moi grave de planificación e de priorización do risco” cando actuaron unha parte da mina pero “deixando sen intervención unha zona claramente perigosa”.
Dixo que este caso é consecuencia da falla de prevención, de inspección mineira efectiva e unha autoridade mineira que “non actúa con anticipación”, mentres o goberno do PP leva adiante a privatización encuberta das funcións de inspección e control mineiro.
Sinalou que Monte Neme replica ademais “o mesmo patrón” de “advertencias previas, incumprimentos prolongados e reacción tardía por parte da Administración”, como sucedeu na Penouta, San Finx, Touro – O Pino, a mina de San Juan -A Gudiña- uo a canteira da Trinidade, en Mondoñedo.
Falla de planificación mineira
Patricia Iglesias denunciou que “non existe unha política mineira real” por parte do goberno galego, que amosa unha alarmante “falla de planificación, de prioridades claras e de dirección política” como reflicten os datos de execución orzamentaria. Así, criticou que tardaran 12 anos en comezar coa restauración da mina con fondos do de Recuperación, pero no terceiro trimestre de 2025 tan só executaron o 1,8 por cento do programa de fomento da actividade mineira.
Denunciou que Galicia continúa a día de hoxe sen Plan Sectorial Mineiro, co que “non hai minaría sostible posible, nin confianza cidadá nin seguridade xurídica” e provoca “improvisación, conflitos sociais e riscos innecesarios”. Esixiulle ao goberno galego que actúe con responsabilidade institucional e aprobe un Plan Sectorial que permita definir as explotacións viables, priorizar a restauración e a seguridade, darlle seguridade xurídica ás empresa serias e garantías á poboación.