Paloma Castro denuncia o “abandono e falta de consideración” cara ao colectivo por rexeitar aos bombeiros que se presentaron voluntarios, e aos que acudiron polos seus medios “nin lles pagaron a gasolina, nin lles levaron botellas de auga nin un bocadillo”
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, denunciou o “abandono e falla de consideración” do goberno galego cara os Grupos de Emerxencia Supramunicipais de Galicia. Así o dixo durante o debate dunha proposición non de Lei en Comisión para reclamar un “cambio estrutural” para configurar un novo modelo de emerxencias “adaptado aos riscos actuais, homoxéneo e profesionalizado, que permita dar a resposta máis inmediata e eficaz nos casos máis estremos, e que o PP rexeitou.
Castro afeoulle ao PP que mentres Rueda pedía medios humanos e materiais de apoio na vaga de lumes de agosto “moitos GES non estaban operativos, e moitos dos bombeiros do servizo que se presentaron voluntarios para apoiar dixéronlles que non facía falta”. Ademais, advertiu que os que finalmente acudiron cos seus propios medios “nin lles pagaron a gasolina, nin lles levaron botellas de auga e nin sequera un bocadillo” mentres arriscaban a súa integridade para apagar os lumes.
Subliñou que “non se pode permitir un trato así a un colectivo que se está a xogar a vida por protexernos”, e que tiveron que enfrontarse á peor vaga de lumes dende que hai rexistros con “mangueiras queimadas e traxes rotos, e nin o amago fixeron ata o de agora de repoñerllos”. Criticou que a súa falta de consideración “chegou ao punto de que a líder do PP de Valdeorras mesmo os acusou de causar os incendios”.
Reclamou un “cambio estrutural” no sistema de emerxencias de Galicia, sinaladamente nos GES, creados en 2013 para reforzar a resposta rápida en zonas sen parques de bombeiros comarcais. Urxiu ao goberno galego que garanta unha resposta “coordinada, rápida, profesionalizada e eficaz” para atender á cidadanía con éxito “cando arde o monte, cando desborda un río, cando un coche queda atrapado baixo unha árbore ou cando un lume ameaza unha vivenda”.
Chamou ao “consenso e a predisposición política” para acadar este obxectivo, e mentres tanto, dixo, a Xunta “ten a obriga de fiscalizar o cumprimento do Convenio asinado polas deputacións e os concellos” en decembro de 2024 para desenvolver os GES. Advertiu que o funcionamento do servizo de emerxencias dos GES “non pode depender da vontade dun alcalde”, e reclamou a convocatoria da Comisión de Seguimento, que aínda non se reuniu neste ano.
Castro reclamoulle ademais ao goberno galego que garanta criterio de reparto de material obxectivos e que atendan por igual ás necesidades de cada un dos territorios, ademais de elaborar un informe das zonas do territorio galego que quedan descubertas para poder dotalas de servizos de emerxencias supramunicipais.
A responsable socialista engadiu que o goberno galego ten a obriga de promover mecanismos de coordinación “operativa e técnica” entre os servizos autonómicos e locais, así como sistemas de comunicación e alerta comúns que permitan actuar con rapidez e sen duplicidades.