

Paloma Castro sinala que o goberno galego está a demostrar que “nin xestión pública, nin administración responsable nin comprometida coa calidade do servizo”
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe ao goberno galego de “maltratar” aos traballadores da autovía do Salnés logo de que rescatara esta vía negándose a subrogar aos 13 encargados de mantemento da vía. Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Infraestruturas do Parlamento na que criticou que o Executivo demostra que “nin xestión pública, nin administración responsable nin comprometida co sector”.
Esixiulle á Xunta que “rectifique de inmediato, cumpra coa súa palabra e coa Lei e obrigue ás concesionarias a unha subrogación total e real do persoal, garantindo estabilidade, dereitos e continuidade laboral”.
Castro lembroulle ao goberno galego que estes traballadores son da súa responsabilidade porque as autovías “son de titularidade pública”, polo que lles esixiu que “corrixan, rectifiquen e cumpran coas súas obrigas”. A responsable socialista lembra que a operación de rescate desta vía se resolveu pagándolle á concesionaria 45 millóns de euros cando tiña unha débeda de 20, co que obtivo un beneficio de 25 millóns.
Criticou que a Xunta deixou a máis da metade dos 64 traballadores de mantemento fóra do rescate das catro autovías de Salnés, Celanova, Brión e Barbanza, en contra do que viu anunciando o PP no Parlamento. 28 destes traballadores seguen no seu posto, pero do resto 3 abandonaron polas presións, 8 foron reubicados nas anteriores concesionarias, outros 8 comezarán a traballar mañá en peores condicións, 15 foron despedidos e 2 están nun “limbo” porque non foron dados de alta.
A responsable socialista afeoulle ao goberno galego a “desfachatez” coa que está a actuar con estes traballadores ao alegar un quebranto económico futuro como causa para xustificar o despido. Sen embargo, este argumento “non cola” porque lembra que as empresas acudiron á licitación dos contratos con baixas de máis dun 20 por cento sobre o orzamento base de licitación, a pesares de ter coñecemento das actividades a desenvolver como do persoal a subrogar.
Adiantou que os tribunais “acreditarán que os traballadores foron despedidos fóra da Lei”, e criticou que a Xunta anuncie unha “traslación sustantiva de elementos” pero só en alusión a “camións, aleros e maquinaria”, mentres “os únicos elementos que non considera trasladables son as persoas”. Resumiu que se trata dunha práctica “intolerable nunha administración que presume de responsabilidade e compromiso coa calidade do servizo”.