Lara Méndez denuncia a “vexación” da muller obrigando a rotar a representación das organizacións femininas cada 2 anos
Esixiulle ao Goberno galego que pacte coas organizacións tanto a composición do órgano consultivo como a periodicidade das súas reunións
A portavoz de Agricultura e Gandaría do Grupo Socialista, Lara Méndez, acusou á Xunta de “hibernar” o Observatorio do Sector Lácteo, que mantivo inactivo dende a súa creación hai 18 anos. Méndez presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Agricultura para reclamarlle que modifique o Decreto aprobado o 20 de xaneiro deste ano que regula o Observatorio, e acorde co sector a periodicidade e a composición do órgano, pero que foi rexeitada polo PP.
Méndez censurou que a Xunta non acordase co sector varios dos termos do decreto polo que se regula o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, unha norma que o Goberno desbloqueou este mesmo ano logo de que o Grupo Socialista insistise na necesidade de que a Administración autonómica mantivese “unha interlocución constante e continua co sector”.
Iso foi, segundo recordou a parlamentaria do PSdeG, despois de que os gobernos de Feijóo e Rueda mantivesen o órgano de asesoramento e consulta “hibernando e inoperante” dende a súa creación en 2007, utilizándoo para xustificar a existencia dunha liña de comunicación para tratar as necesidades da gandería e a industria de transformación.
Méndez asegurou compartir a actualización da normativa do Observatorio, aínda que discrepou “no fondo”. Durante o debate acusou á Xunta de reducir as reunións do órgano das 4 anuais previstas a só unha.
Vexación ás mulleres
Ademais, criticou o sistema de elección dos seus integrantes, que deriva na “vexación” ás mulleres rurais, xa que son o único colectivo que ten presenza rotatoria bianual, polo que garanten que “se non nos gustan xa vamos cambiando” ás representantes.
Criticou que impoñan este criterio mentres os representantes das organizacións profesionais, o sector primario, o sector lácteo, o da distribución, a federación nacional de industrias lácteas, as cooperativas e os produtores serán elixidos en función da maior representatividade.
“Esa rotación menospreza ás mulleres”, pero con ela a consellería tamén dispensa un trato “de parte”, dixo Lara Méndez, que reclamou a revisión e modificación do decreto polo que se regula o Observatorio e que se acorde co sector tanto a súa composición como a periodicidade das súas reunións.