

A deputada Silvia Longueira denuncia once anos de parálise e reclama obxectivos, orzamento e informes anuais para cumprir unha lei aprobada por unanimidade e avalada pola cidadanía
O Grupo Socialista levou hoxe á Comisión de Educación e Cultura unha iniciativa da deputada Silvia Longueira para reactivar a aplicación efectiva da Lei Paz-Andrade, tras once anos “de inacción, falta de planificación e incumprimentos reiterados” por parte do Goberno galego.
A proposición non de lei presentada reclama dous compromisos básicos: aprobar un plan de obxectivos cun orzamento específico e presentar informes anuais completos sobre o grao de cumprimento da lei. Longueira lembrou que a Lei Paz-Andrade naceu dunha iniciativa lexislativa popular apoiada por máis de 17.000 sinaturas e foi aprobada por unanimidade, “mais a vontade cidadá quedou durmida nun caixón”.
“Unha boa lei convertida nun escaparate e premiada coa inactividade”
Na súa intervención, Longueira subliñou que Galicia conta cunha lei que facilita adquirir competencias lingüísticas en portugués, abre portas profesionais e culturais e reforza vínculos internacionais. “Temos unha lei que podería situarnos mellor no mundo lusófono, pero a Xunta limitouse a ofrecer moito e facer pouco”, denunciou.
A deputada advertiu que a Consellería de Cultura leva once anos sen presentar o informe anual que a lei obriga a remitir ao Parlamento, o que impide avaliar avances, resultados ou prioridades reais. “Sen transparencia nin avaliación, a lei non pasa de ser un símbolo retórico”, afirmou.
Avances insuficientes e sen planificación
Longueira recoñeceu que existen pasos puntuais, como a creación do Observatorio da Lusofonía en 2024 ou o incremento do alumnado de portugués, pero advertiu de que son “avances mínimos, sen dotación clara e sen unha folla de ruta que lles dea continuidade”.
Indicou tamén que a oferta educativa segue a ser limitada, que non existe estabilización de prazas docentes nin planificación para ampliar o ensino de portugués en todos os niveis, e que a acción exterior vinculada á lusofonía continúa nun ámbito máis simbólico ca real.
O Grupo Socialista reclama planificación, recursos e control democrático. Por iso, a iniciativa aposta por un plan estratéxico plurianual con metas claras e medibles, a presentación de informes anuais completos e públicos, a ampliación estable da oferta educativa de portugués, o impulso de acordos culturais, institucionais e económicos cos países lusófonos e a creación dunha liña orzamentaria específica que asegure a continuidade destas políticas no tempo.
A deputada destacou que a proximidade lingüística co portugués é un activo único para Galicia, tanto no eido educativo como cultural e económico: “Se o futuro pasa por abrir portas ao mundo, o portugués é unha chave evidente. Pero para que esa chave abra algo, a Xunta debe deixar de adiar o que leva unha década incumprindo”.