A deputada Silvia Longueira responsabilizou de ignorar as obrigas legais, precarizar un servizo feminizado e deixar nas costas dos concellos a súa financiación. “Os concellos transformáronse por obra da Xunta en financiadores do sistema. E xa non poden máis”
A deputada socialista Silvia Longueira interpelou hoxe á conselleira de Política Social sobre a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), denunciando que a Xunta leva 16 anos incumprindo a Lei de Servizos Sociais de 2008 e que o sistema “está falido” por unha estratexia consciente do Partido Popular.
“Señora García, o SAF está dinamitado. Parabéns! Está dinamitado por unha estratexia deliberada do Partido Popular”, proclamou Longueira no Parlamento, lembrando que Galicia é practicamente a única comunidade que non conta co plan estratéxico que marca a lei. “De telo activado, hoxe remataríamos o segundo dos plans estratéxicos e vostedes terían traballado man a man cos concellos, cos axentes sociais e co Goberno de España”, engadiu.
A deputada socialista acusou á Xunta de ignorar as obrigas legais, precarizar un servizo feminizado e deixar nas costas dos concellos a súa financiación. “Os concellos transformáronse por obra da Xunta en financiadores do sistema. E non poden máis”, advertiu, criticando que mentres tanto o Goberno galego “detrae 17 millóns de euros do SAF para repartir en bonos, sen control, sen contar e sen consideración”.
Longueira lembrou a traxedia do Porriño, onde en xullo foi asasinada unha traballadora do SAF tras denunciar acoso por parte dun usuario. “Non é un feito illado a morte de Teresa de Jesús, é a punta do iceberg da realidade absoluta que viven todos os días usuarios, traballadoras e concellos”, afirmou.
Tamén puxo en evidencia o desaxuste normativo e a falta de actualización do convenio colectivo desde 2013, o que, segundo dixo, “provoca máis conflitividade e dificulta a dignificación do servizo”.
A deputada advertiu de que a sociedade civil xa está a reaccionar fronte á inacción da Xunta, como amosa a creación da plataforma Emerxencia Dependencia, que agrupa a 14 organizacións. “É o mundo ao revés: onde os responsables políticos non acadan resultados de goberno, a sociedade civil organízase e chama a atención”, sinalou.
Longueira reclamou á conselleira que reconduza a súa postura: “O sistema está falido, señora García, e vostede non pode seguir mirando para outro lado”.