Elena Espinosa reclámalle á Xunta que reverta o desmantelamento das unidades post – covid
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, reclamoulle hoxe ao goberno galego que reverta o peche e desmantelamento das unidades post – covid na sanidade pública galega. Espinosa mantivo, xunto coa parlamentaria Carmen R. Dacosta, un encontro coas representantes da Asociación Galega de Covid Persistente, ás que lles presentou a proposta neste sentido que presentará no Pleno do Parlamento da próxima semana.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de “deixar tirados” aos pacientes afectados por esta doenza, que afecta a entre o 10 e o 15 por cento das persoas que se viron afectadas polo virus. Estes presentan ata 200 síntomas diferentes como consecuencia desta enfermidade emerxente, que inclúen fatiga crónica, néboa mental, esquecementos, dor muscular, dificultades respiratorias, insomnio ou problemas neurolóxicos ou dixestivos, entre moitos outros.
Lembrou que afecta a tódolos sistemas orgánicos, incluído o cardiovascular, o nervioso, o endócrino, o inmunolóxico, o reprodutivo ou o gastrointestinal. Reclamaralle ao goberno galego que realice un censo territorial actualizado de persoas actualizadas polo covid persistente, que faga unha reorganización real das unidades post covid de Galicia e que garanta a formación do persoal sanitario nos centros de saúde nos que existan pacientes con esta enfermidade,
Espinosa explicou que o Plan funcional de unidade multidiscipinar, presentado en marzo de 2021, definía as unidades post covid nas 7 áreas sanitarias de Galicia, que sumaron ata 12.000 atencións en 2022. Sen embargo, estas foron desmanteladas a medida que decaía o interese da Xunta por estes pacientes.
Malia que Sanidade aseguraba en resposta a unha pregunta do Grupo Socialista que as unidades estaban a ser reorganizadas, o 25 de febreiro era desmantelada a última delas, a correspondente á área sanitaria de Ourense, deixando desatendidos a 350 pacientes.
A parlamentaria socialista reclamoulle ao goberno galego que “escoite aos afectados e actúe con responsabilidade” no canto de despregar unha xestión sanitaria baseada en “decisións improvisadas ou recortes orzamentarios que só benefician a uns poucos”.