Patricia Iglesias advirte que a Xunta non chega a executar a metade dos cartos do FCI que recibiu en 2022, e que reparte de forma arbitraria e “agranda a fenda entre territorios”
A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, criticou hoxe que a Xunta destinou “cero euros” do Fondo de Compensación Interterritorial -FCI- ás provincias de Lugo e Ourense, empregando unhas partidas pensadas para salvar os desequilibrios internos para “agrandar a fenda entre territorios”. Así o dixo no debate dunha proposta para reclamar a mellora da xestión do FCI por parte do goberno que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista empregou os datos do último informe do Consello de Contas sobre a xestión deste fondo no que alerta de que Galicia é a segunda Comunidade Autónoma con peor índice de execución do FCI, que nin sequera chegou ao 50 por cento en 2022. Ademais, criticou o “esquecemento” das provincias do interior, que é “a crónica dun abandono anunciado”, con “menos fondos, menos execución, máis desigualdade”.
Subliñou que “mentres a veciñanza de Lugo e Ourense ve como arden os seus montes, como pechan servizos, como se baleiran as aldeas, e como a Xunta, que ten fondos para actuar, prefire gardalos ou gastalos noutros lugares por decisión política e non por criterios obxectivos”. Apuntou que seguiremos a estar no territorio, ao lado da xente, defendendo a transparencia, criterios claros e participación municipal, porque Galicia merece máis, e Lugo e Ourense merecen moito máis”.
PP ausente
Iglesias criticou que “cando había que estar durante todo o ano na prevención dos lumes, o PP dende o Goberno galego non estaba, e cando hai que repartir fondos, tampouco”, xa que segundo o informe do Consello de Contas o FCI está sendo usado en Galicia “de maneira discrecional, clientelar e ineficiente”. Criticou que “non hai criterios, non hai transparencia e non hai participación, só hai arbitrariedade” por parte dun goberno que agocha os datos porque son “demoledores”.
Apuntou que “non é un problema contable, é unha cuestión de país, de modelo de gobernanza, porque cada euro que queda sen executar é unha estrada que non se mellora, un centro de saúde que non se equipa, unha infraestrutura que non chega ou unha oportunidade que se perde”. Criticou que o PP votara hoxe en contra dunha proposta dirixida a implantar unha “xestión seria, transparente e comprometida coas provincias que máis apoio precisan”.