Patricia Iglesias responsabiliza a Industria de ter provocado “inseguridade xurídica e caos” no sector pola falla de planificación e dunha estratexia definida de transición ecolóxica e desenvolvemento eólico
Denuncia “hipocrisía” do PP ao presentar hoxe axudas á mobilidade eficiente logo de votar no Congreso en contra da ampliación do Plan Moves III provocando meses de retraso
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou hoxe ao goberno galego de “ter a todo o mundo cabreado”, en alusión ao malestar de veciños e concellos por telos excluído da elaboración do Plan Sectorial Eólico. Iglesias presentou unha pregunta na Comisión de Industria do Parlamento na que responsabilizou á Xunta de ter provocado “inseguridade xurídica e caos” no sector.
A parlamentaria socialista esixiulle ao goberno galego que deixe de gobernar “sen escoitar nin acadar consenso coa sociedade civil, concellos, sector eólico nin industria” e “estimule e lidere a participación temperá da cidadanía galega na planificación do sector eólico”. Afeoulle que teña obviado aos axentes sociais mentres expulsa ás organizacións ecoloxistas do órgano de participación e consulta e decide contratar a redacción do novo Plan Eólico a unha empresa privada.
Iglesias Sinalou á “transitoriedade insoportable e falta dunha estratexia definida e rigorosa de transición ecolóxica e de desenvolvemento eólico” en Galicia provocados pola falla de planificación do goberno galego, que provocou a suspensión de 77 parques eólicos pola falla de sustentabilidade ambiental.
Criticou ademais que a “desconfianza do público” por parte do PP e do goberno galego derivaran na privatización dos recursos naturais de Galicia a través da Sociedade Recursos de Galicia de natureza público – privada, sostida pola Lei de Recursos de Galicia.
Criticou que a Xunta empregue esta norma para autorizar parques eólicos fóra de planificación territorial eludindo os autos de suspensión do TSXG, ademais de obrigar á cesión de enerxía dos promotores ás empresas que eles escollen discrecionalmente.
Hipocrisía do PP
A responsable socialista criticou hoxe a “hipocrisía” amosada polo PP por anunciar axudas á mobilidade eficiente logo de votar no Congreso en contra da ampliación do Plan Moves III, provocando un retraso de meses na posta en marcha das axudas para a compra de coches eléctricos que precisamente xestiona a Xunta a través do Inega. Así o dixo na comparecencia do director xeral de Planificación Enerxética na Comisión de Industria do Parlamento.
Iglesias lembrou que o PP tumbou nun primeiro momento a ampliación do Plan e a prórroga das axudas co voto en contra ao Real Decreto de axudas o 12 de febreiro deste ano, polo que tivo que volver ao Congreso o 10 de abril para ser aprobado. Acusou ao PP de xogar cunhas axudas que supoñen entre 7.000 e 9.000 euros pola compra de vehículos eléctricos ou híbridos e son “relevantes para que a compra sexa asumible para toda a cidadanía”.