Silvia Longueira aféalle ao goberno galego que presente como proposta innovadora o portal web para publicar no mercado internacional libros en galego que fora posto en marcha polo goberno de Touriño e que tiveron paralizado 20 anos
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Silvia Longueira, alertou hoxe de que o goberno galego leva sen presentar datos propios da lectura en galego dende que anunciou en marzo o Plan de dinamización da lectura en galego. Longueira presentou unha pregunta oral na Comisión de Cultura do Parlamento na que lles afeou que teñan retirado os datos do Observatorio da Lectura sobre o libro galego.
A responsable socialista criticou que ofrezan datos “que son unha mistura e un totum revolutum de hábitos de lectura en diferentes linguas sen aclarar a que obedecen” para agochar unha situación que “non presaxia nada bo” en base aos datos que si se coñecen por parte do Consello da Cultura Galega ou a Federación de Editores.
Criticou que o goberno galego estea a darlle as costas ao sector de editores en galego, que denuncia a “nula comunicación” coa Consellería, mentres o Consello da Cultura Galega, en base a datos do goberno central, alerta dunha situación “mala” para a lectura de libros en galego.
O barómetro da Federación de Editores, pola súa banda, sinala unha situación preocupante, cando só o 3,8 por cento prefire o galego como lingua de lectura, só o 2,5 por cento dos usuarios de audiolibros escolle o formato en galego, fronte ao 89,9 por cento en castelán e o 11,7 en inglés.
Proposta innovadora
Longueira afeoulle ademais ao goberno galego que teña presentado como “innovadora” a proposta do Portal Web para a compra de dereitos internacionais do libro en galego, que en realidade fora posta en marcha polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño e que tiveron “desbotada e anulada” durante 20 anos. Trátase, explicou, de que os editores suban ao portal os libros en galego para a compra dos dereitos co obxectivo de publicalos no mercado internacional.
A responsable socialista explicou que esta medida foi rescatada na xuntanza da Comisión de Comunicación e Infraestruturas Culturais do pasado mes de maio dentro do proceso de revisión do Plan de Normalización da Lingua Galega.