Lara Méndez desmonta o argumento económico dos populares: “Recoñecer o galego na UE sairíanos 12 veces máis barato que o sobrecuste do hospital Álvaro Cunqueiro”
“Hoxe tiñamos por diante unha oportunidade histórica: que o galego poidera ser recoñecido como lingua oficial na UE, pero o PP encargouse de que non fora así”, denunciou a viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista
Méndez lamenta que “para o PP, o ‘bilingüismo harmónico’ consista en relegar o galego a un símbolo folclórico porque para Rueda e a Feijóo, Galicia só é un decorado para dar roldas de prensa”
A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, lamentou este luns que a Unión Europea non votara finalmente a proposta para oficializar o galego como lingua da UE, unha decisión que atribuíu á presión exercida polo Partido Popular, a quen acusou de rachar un acordo parlamentario.
A dirixente socialista lembrou que a reivindicación “foi apoiada de forma unánime polo Parlamento de Galicia”, polo que considerou “incomprensible” que agora Alfonso Rueda argumente que recoñecer o galego en Europa nos vai saír caro: “Segundo os seus propios cálculos, custaría doce veces menos que o sobrecuste do Hospital Álvaro Cunqueiro. Iso si que saíu caro”, reprochou.
“Hoxe tiñamos diante unha oportunidade histórica: que o galego puidese ser recoñecido como lingua oficial na Unión Europea”, afirmou Méndez, lembrando que “é un paso de xustiza que igualaría o seu estatus ao das outras 24 linguas xa recoñecidas”.
Lara Méndez lembrou que “o galego ten máis falantes ca linguas como o maltés, o estoniano, o letón ou o esloveno, todas elas xa oficiais na UE”. “Moitas delas nin sequera son as máis faladas nos seus propios países. Por que o galego ten que quedar fóra?”, preguntou.
A socialista acusou ao PP de actuar “coma sempre, en contra de todo o que propoña ou apoie o Goberno”, e criticou que Rueda lamente que non se lle pedira permiso á Xunta: “Xa é o que nos faltaba: ter que pedir autorización para impulsar a lingua que é de todas e de todos”.
Finalmente, advertiu que “para o PP, o chamado ‘bilingüismo harmónico’ consiste en relegar o galego a un símbolo folclórico” e lamentou que “baixo esa escusa, fan todo o posible para impedir que o galego avance”.