

Aitor Bouza critica que o goberno galego “fáltalle ao respecto” á veciñanza recortando servizos sanitarios
O parlamentario socialista Aitor Bouza acusou hoxe ao PP de “marxinar” e “castigar” aos veciños e veciñas de Boimorto ao negarse a repoñer o terceiro día de recollida de analíticas no Centro de Saúde desta localidade. Así o dixo logo de que o PP rexeitara a proposición non de Lei que presentou na Comisión de Sanidade do Parlamento para reivindicar unha atención sanitaria en igualdade de condicións neste concello.
O Grupo Socialista presentou esta iniciativa logo de que o Sergas decidira suprimir un dos tres días de recollida de analíticas no Centro de Saúde de Boimorto, que antes eran luns, mércores e venres, e agora eliminaron este último. Esta situación provoca catro días de demora en calquera tipo de valoración que estea pendente dunha proba, “incrementando aínda máis os tempos de diagnose e espera no sistema sanitarios.
Advertiu que esta situación afecta directamente ás embarazadas do Concello, que teñen servizo de matrona os mércores e, polo tanto, calquera mostra non será recollida ata o luns seguinte, acumulando un retraso notable.
Ademais, sinalou que o concello conta cunha poboación envellecida, para a que a supresión dos venres como data de recollida das mostras “non semella o máis axeitado”, e revela a “falla de coordinación” entre as consellerías de Asuntos Sociais e de Sanidade, que “terían a obriga de entenderse nesa conexión socio sanitaria para evitar situacións límite para a poboación maior”.