
Silvia Longueira pregunta pola demanda por plaxio presentada por un produtor vasco polo programa Vaia Troula
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CSAG -antiga CRTVG- no Parlamento de Galicia, Silvia Longueira, acusou hoxe á dirección do ente de desprotexer a propiedade intelectual dos proxectos presentados diante deste medio público. Longueira reclamaba unha normativa para garantir a protección destes proxectos, ao que a directora xeral se negou.
Longueira presentou unha pregunta diante da denuncia imposta polo produtor vasco Ibon Uzkudum por plaxio por parte da canle autonómica, que asegura que no programa Vaia Troula copiou o formato do Jai Giro, realizado por el na televisión vasca, logo de que fora ofrecer o formato en San Marcos. Explicou que a demanda está actualmente pendente de resolución na audiencia provincial da Coruña.
A deputada socialista lembra que non é a primeira vez que se coñecen plaxios de proxectos, pero neste caso “o demandante non espera tan sequera un beneficio económico, senón que se recoñeza o seu traballo”. Longueira criticou que a xerencia da CSAG se opoña a redactar unha normativa que protexa aos prototipos de proxectos que reciben a cotío, limitándose a responder que se alguén foi plaxiado ‘que o denuncie’.
Esta proposta foi presentada, explicou, a raíz da demanda plantexada por Uzkudum, que segundo explica, no ano 2009 preséntalle á responsable de programas da Galega unha copia do seu programa para que poida facerse en Galicia.
A responsable da TVG acordou daquela poñerse en contacto para pechar a colaboración, pero pasados uns meses “a familia galega de Ibon chámao pensando que é el mesmo o que está presentando o Vaia Troula”, que aparece coa mesma caracterización, polo que o produtor e presentador respondeu presentando unha demanda por apropiación dos dereitos de propiedade intelectual.