Patricia Iglesias revela no Pleno do Parlamento que a Consellería demorou cinco meses o envío da documentación solicitada polo Ministerio para aprobar a actuación
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, presentou hoxe no Pleno do Parlamento a documentación que demostra que a Consellería de Industria demorou durante 5 meses a documentación necesaria para que o Ministerio autorizara a ampliación do Polígono da Sionlla. Iglesias presentou unha pregunta oral no Parlamento para demostrar que a Xunta “mentiu” no Parlamento responsabilizando ao goberno central desta demora.
Lembrou que o pasado 3 de outubro a directora xeral de Solo Industrial responsabilizara dende o Parlamento ao Ministerio do retraso por non ter emitido un informe sectorial de autoestradas. Advertiu que esa afirmación era “rotundamente falsa”, e que o 23 de maio o Ministerio fora quen lle pedira á Xunta documentación complementaria para completar a avaliación ambiental estratéxica, que non enviaron ata o 2 de outubro, un día antes de ir ao Parlamento a acusar ao Goberno.
Resumiu que “o Ministerio fixo o seu traballo, e foi a Xunta quen tardou máis de 5 meses en enviar a documentación requirida, que remitiron xusto un día antes da Comisión de Industria na que lle preguntabamos á directora xeral de Solo Industrial sobre a ampliación da Sionlla”. Esixiulle á conselleira que “depure responsabilidades políticas” logo de que a directora xeral faltara á verdade en sede parlamentaria.
Iglesias responsabilizou á Xunta dos “meses perdidos pola súa ineficacia e pola descoordinación de Xestur coa Consellería de Industria”, ao que responderon con “maquillaxe e medias verdades para non render contas”. Acusounos de “tirar balóns fora amosando nula colaboración institucional para un proxecto nuclear para Santiago” no que é “exemplo de libro dun fracaso na política de solo industrial da Xunta”.
Advertiu que Galicia ten “unha das peores cifras de ocupación de solo industrial de toda España”, e “a realidade é que Xestur, o principal promotor público de solo industrial de Galicia, converteuse nun organismo burocratizado, lento e ineficaz, con perdas acumuladas ano tras ano”.
Reclamou unha política industrial “seria, transparente e planificada” porque Galicia “non pode seguir perdendo oportunidades por culpa dun goberno que vive da foto mentres os polígonos industriais se estancan ano tras ano e os investimentos marchan a outras comunidades ou ao país veciño”.