
Criticou que o PP insista na súa estratexia de enfrontamento negándose a crear un grupo de traballo sobre financiamento
Lembrou que a política do Executivo permite ás comunidades estar mellor financiadas: “Galicia nunca recibiu tanto”
O Goberno central defendeu hoxe no pleno do Congreso a necesidade de abordar a quitación da débeda e avanzar nun debate “sereno” de cara a acadar un novo modelo de financiamento autonómico que incremente os recursos e teña en conta o custe efectivo dos servizos en cada territorio, na mesma liña que vén defendendo o PSdeG.
Durante a sesión de control, a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, recordou tamén que o Estado está distribuíndo máis recursos entre as comunidades, que no caso de Galicia cifrou nun incremento acumulado de 15.843 millóns de euros. Sinalou, ademais, que as entregas a conta para o 2026 ascenderán a 10.929 millóns, o que supón un aumento dun 6,7 % respecto deste ano. Pero esa cifra elevarase, segundo explicou, ata os 11.633 millóns incluídas as liquidacións. “Galicia nunca recibiu tanto”, resumiu.
Fronte á reivindicación de calquera fórmula similar ao cupo, Montero defendeu un modelo “multilateral” que impulse tamén a bilateralidade prevista nos estatutos e sexa beneficioso “especialmente” para territorios cun financiamento por debaixo da media, como é o caso de Galicia.
A vicepresidenta recoñeceu que é preciso un novo sistema para superar o actual, que xa non cumpre plenamente o seu cometido, sobre todo en momentos de crise. Por iso, criticou que o PP se negase a crear un grupo de traballo e lamentou que utilizase un tema tan importante para axitar o enfrontamento territorial. Censurou, da mesma maneira, que reclame máis recursos e vote en contra cando se lle ofrecen. Montero criticou que a senda de estabilidade que propón o Goberno dotaría a Galicia de 281 millóns máis para servizos públicos, pero os populares rexéitana.
En canto á propia reforma do modelo, recordou o compromiso de presentalo no primeiro trimestre de 2026. Nese senso, reclamou “solidariedade interterritorial e solidariedade fiscal”, e pese á posición que mantén o PP, confiou en que se chegará a un acordo. Con todo, insistiu en que as políticas do Goberno permiten que as comunidades autónomas estean “mellor financiadas que nunca”.