Patricia Otero acusa ao PP e ao goberno galego de negarse a responderlle á oferta do Ministerio de Transportes para transferir as paradas de bus
A deputada do PSdeG no Congreso, Patricia Otero, aplaudiu a aprobación da Lei de Mobilidade hoxe no Congreso, o que supón blindar das paradas de bus en Galicia que dependen do Estado. A responsable socialista acusou ao PP de “tratar de boicotear de tódalas maneiras posibles” o mantemento das paradas de autobús no rural galego logo de negarse a responder á oferta do Estado de transferir estas infraestruturas xunto cos fondos necesarios.
Otero criticou a “política farisea” do PP, que leva “anos mentindo” para sementar a alarma no rural galego por unha suposta supresión de paradas ao tempo que se negaban a sentarse co goberno para boicotear a Lei que se debateu hoxe e a responder das ofertas e firme do Estado. Lembrou que o Estado remitiu este mesmo verán unha carta fixando como data límite o 15 de setembro para que a Xunta dixera se quería manter as paradas e aceptaba a transferencia destes recursos.
Ademais das paradas de bus, o goberno puxo enriba da mesa os recursos necesarios para o seu mantemento, pero diante da falta de resposta do Executivo autonómico será o Estado quen se continúe encargando da súa xestión, tal e como estaba a facer ata o de agora e como se comprometeron tanto o ministro de Mobilidade como o Secretario de Esatdo de Transportes.
Patricia Otero explicou que a Lei aprobada hoxe ofrece o instrumento xurídico que blinda as paradas de bus, xa que mesmo incorporou unha emenda no trámite parlamentario que recollía este punto de forma expresa.
A responsable socialista advertiu que en realidade o PP e a Xunta de Galicia “non queren que se garantan as paradas de bus”, e por iso levan anos negándose a dialogar co goberno dentro dunha estratexia conxunta do PP a través das comunidades autónomas para intentar por tódolos medios boicotear esta Lei que naceu por iniciativa do goberno.
Reclamoulle ao PP e ao goberno galego que dean conta da xestión desastrosa das liñas de transporte interurbano e escolar, que son a súa competencia exclusiva. Milleiros de galegos e galegas teñen que padecer día a día eivas na calidade do servizo, falla de conexións no rural e problemas nas prazas coas que atenden aos escolares polo seu desleixo á hora de controlar o cumprimento do contratos por parte das concesionarias.