

A voceira de Igualdade do Grupo Parlamentario Socialista lembra que o PP rompeu por primeira vez en 45 anos o consenso da FEMP sobre o 25N
O PSdeG denuncia o recorte na prevención, a precariedade dos CIM e o atraso do II Plan contra a Trata
Castro reclama unha educación afectivo-sexual integral e feminista fronte á violencia dixital e á explotación
A voceira de Igualdade do Grupo Parlamentario Socialista, Paloma Castro, advertiu hoxe na Cámara de que Galicia “está retrocedendo de maneira preocupante” na loita pola igualdade e na protección das vítimas de violencia machista, tras a comparecencia da conselleira de Igualdade e Política Social.
Castro abriu a súa intervención lembrando a celebración do 30 aniversario da Conferencia de Beijing, onde —subliñou— “as mulleres que abriron camiño fixeron do consenso a súa forza”. Unha reflexión que contrastou coa decisión do PP de romper por primeira vez en 45 anos o consenso da FEMP sobre o manifesto do 25N, algo que cualificou de “paso atrás democrático e institucional”.
A socialista denunciou que o Consello de Contas acreditou un decrecemento continuado dos fondos de prevención e sensibilización desde 2018, o que evidencia, ao seu xuízo, que “a Xunta renunciou a políticas estruturais para combater a violencia machista”.
Reclamou situar no centro unha educación afectivo-sexual integral, feminista e baseada no respecto, dado que a mocidade está exposta a riscos crecentes: pornografía, redes sociais, ciberacoso e contidos violentos: “Educar en igualdade non é un luxo, é unha necesidade democrática. Sen educación afectivo-sexual non hai prevención posible”, afirmou.
CIM saturados e desigualdade territorial
Castro puxo o foco na situación actual dos Centros de Información á Muller (CIM), que describiu como “precarizados, saturados e afastados da súa función transformadora”. Lembrou que o 26% dos concellos galegos carecen de CIM, maioritariamente en zonas rurais, o que xera “discriminación directa”: “Non pode haber mulleres de primeira e de segunda segundo o lugar onde vivan”.
Neste senso, sinalou que o PSdeG reclama: modificar o Decreto 130/2016, incorporar de forma estable a Axente de Igualdade, fixar criterios obxectivos sobre profesionais e recursos, formación mínima de 500 horas, e garantir que ningunha muller percorra máis de 15 km para acceder ao CIM.
A voceira socialista advertiu tamén de que os Puntos de Encontro Familiar están “colapsados” e que a Xunta apenas ampliou a rede en dúas décadas. Reclamou que as aperturas previstas en Deza, A Mariña e Monterrei se materialicen “de inmediato”.
Sobre o IMELGA, denunciou “demoras intolerables e falta de perspectiva de xénero” nos informes, o que deixa ás vítimas “desprotexidas en procesos xudiciais decisivos”.
Castro valorou o incremento de persoal na Dirección Xeral, pero advertiu de que Galicia segue a aportar “menos da metade” do que achega o Estado no marco do Pacto de Estado.
Tamén reclamou que a Xunta execute a partida específica para vítimas de violencia sexual prevista na Lei de Liberdade Sexual, lembrando que as comunidades están habilitadas legalmente para facelo.
“Non hai feminismo sen abolición”
O momento máis duro da súa intervención chegou ao abordar a prostitución e a trata: “O feminismo ou é abolicionista ou non é feminismo. Non se entende a defensa dos dereitos das mulleres mentres se permite que os seus corpos se mercantilicen e se exploten.”
Polo que Castro esixiulle á Xunta: campañas de sensibilización, apoio integral ás vítimas, e a aprobación inmediata do II Plan Galego contra a Trata, comprometido para setembro e aínda sen ver a luz: “Non seremos unha democracia plena mentres existan mulleres explotadas”.