
O secretario xeral do PSdeG explicou tras a súa reunión en Bruxelas con Costas Kadis que este lle trasladou “a impresión” de que a arte podería quedar fóra das prohibicións, e retomaríase así en 87 áreas do Atlántico “unha actividade pesqueira tan importante para Galicia”
O líder socialista tamén analizou co responsable comunitario a “preocupante” situación do marisqueo e o futuro das importacións desde terceiros países “no plano da trazabilidade, dos problemas de competitividade que xera e do impacto no mercado”
Instou á Comisión a ter en conta ao sector pesqueiro no desenvolvemento de proxectos enerxéticos no litoral: “Ten que haber unha convivencia e unha satisfacción dos intereses das comunidades que se dedican á pesca”
Dentro dun encontro que cualificou de “extraordinariamente positivo”, reclamou a modificación do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 para que Europa non reduza o orzamento destinado ao sector “e que ademais se inclúa un fondo específico para a pesca”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou hoxe a última xornada da súa visita a Bruxelas cun encontro co comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, que cualificou de “extraordinariamente positivo”. Tal e como explicou despois o líder socialista, durante a reunión o comisario avanzoulle que o palangre podería saír da lista de artes prohibidas tendo en conta os novos informes científicos. A revisión está prevista para 2026.
Besteiro recordou que esta avaliación afecta ás 87 zonas do Atlántico cualificadas como ecosistemas mariños vulnerables, un ámbito no que Galicia ten un interese estratéxico.
A Comisión dispón de novos datos científicos que avalan o que viña defendendo o Goberno de España: o palangre non dana os fondos mariños.
Kadis detallou que eses estudos deben ser certificados agora polo Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), que asesora á Comisión en materia de pesca. En caso de que este organismo os teña en conta, o comisario considera de que nese momento se levantaría o veto. Polo tanto, “a impresión” é que en se 2026 podería retomar unha actividade pesqueira tan importante para Galicia”, dixo Besteiro.
O portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego tamén lle trasladou ao responsable europeo a situación “preocupante” do marisqueo e os efectos das importacións de produtos do mar desde terceiros países, “no plano da trazabilidade, dos problemas de competitividade que xera e do impacto no mercado”. A iso uniu a demanda de que Europa teña en conta ao sector pesqueiro en relación ao desenvolvemento de proxectos de xeración enerxética no litoral. Para o líder do PSdeG, “ten que haber unha convivencia e unha satisfacción dos intereses das comunidades que se dedican á pesca”, para que a instalación de dispositivos mariños de renovables non as prexudique.
En canto ao Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, que se está a discutir neste momento, José Ramón Gómez Besteiro reclamou que o orzamento destinado ao sector non se reduza, “tal como contemplaba a Comisión”. Ao contrario, insistiu non só na necesidade de reforzalo, senón de que “ademais se inclúa un fondo específico para a pesca”.
Besteiro lembrou que Galicia “representa a metade da pesca en España e, por tanto, unha parte importantísima da Unión Europea”, polo que defendeu que a comunidade “non pode perder peso” no poder de decisión sobre eses fondos. Mostrou a súa oposición á “recentralización” que propón a Comisión, que sería “un erro”, e avogou por “darlles protagonismo ás comunidades autónomas” dentro dun dos principios que inspiraron a UE, “a participación activa das rexións na toma de decisións”.
Con motivo da xuntanza, José Ramón Gómez Besteiro entregoulle a Costas Kadis “un agasallo especial”, unha insignia da Festa do Bonito de Burela, que elaborou a Fundación Eu Son, da localidade mariñá.
Reunión con Teresa Ribera
Besteiro manterá un ultimo encontro na capital europea, neste caso con Teresa Ribera, antes regresar esta tarde a Galicia. Nel o secretario xeral do PSdeG e a vicepresidenta executiva da Comisión Europea para unha Transición Limpa, Xusta e Competitiva abordarán cuestións de interese para Galicia, como a necesidade de que o Marco Financeiro Plurianual teña en conta criterios de cohesión e equilibrio territorial en fondos clave, como o de competitividade, do que depende en boa medida a transición ecolóxica.
Analizarán tamén a integración de Galicia nos grandes corredores enerxéticos e do transporte, os desafíos da transición xusta no referido aos territorios e ás persoas e as oportunidades de desenvolvemento industrial sostible.