A parlamentaria socialista Noa Díaz reclamoulle hoxe á Xunta que cumpra coa súa competencia e asuma o servizo de comedor do CEIP Os Tilos, do Concello de Teo. A responsable socialista visitou hoxe o Concello xunto coa portavoz socialista, Uxía Lemus, e a concelleira de Educación, Mayte Argibay, que participaron na concentración convocada para hoxe pola Anpa do centro.
Díaz apremiou á Xunta a “asumir enteiramente a competencia dende xa”, e negouse rotundamente a aprazar ata o próximo curso un servizo fundamental para a conciliación dos pais e nais de Os Tilos. Criticou que a Xunta ten suspendido o servizo de comedor durante este curso ao negarse a asumir unha competencia propia que o ano pasado viña xestionando a Anpa.
A chegada da pandemia obrigou ás nais e pais a deixar de atender o comedor escolar, mentres o goberno galego “miraba para outro lado”, coa conclusión de que os nenos e nenas da escola levan todo o curso comendo na casa e as familias sen conciliar.
Casalonga
A visita comezou na Casalonga, onde a responsable socialista confirmou que levará ao Parlamento iniciativas parlamentarias para pedirlle á Xunta que aclare o expediente de expropiación do viario que cruza a canteira. Díaz reclamou a declaración da caducidade da canteira por inactividade e a reposición do seu estado orixinal, para evitar así que se converta nun vertedoiro.