Nunha resposta ao socialista, o Executivo comunitario sinala que Galicia “non fixou obxectivos de conservación e medidas de conservación” nas súas zonas especiais de conservación
O eurodeputado galego denuncia o “incumprimento sistemático polo PP das obrigas comunitarias” en relación ás xoias naturais de Galicia
“A Comisión considera que Galicia non fixou obxectivos de conservación e medidas de conservación suficientemente específicos para cada lugar en todas as súas zonas especiais de conservación (ZEC), incluídas, polo tanto, as afectadas polos incendios”. Así o sinala o Executivo comunitario nunha resposta ao eurodiputado socialista galego, Nicolás González Casares, para quen a Comisión realiza “unha enmenda á totalidade” da política ambiental da Xunta.
A resposta, asinada pola comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall, dá seguemento á batería de preguntas presentadas polo eurodeputado socialista tras a vaga de incendios que asolou Galicia durante o mes de agosto. Na mesma, apunta González Casares, a Comisión incide en que está tramitando un procedemento de infracción desde o ano 2015 “que ten no seu centro o incumprimento sistemático por parte da Xunta de Galicia das obrigas legais que emanan das directivas comunitarias e ás que o Plan Director da Rede Natura aprobado polo PP non dá respostas”.
“Fronte á propaganda da Xunta, feitos: a política ambiental da Xunta do PP falla á hora de conservar as xoias naturais de Galicia, desprotexendo o noso patrimonio e faino de xeito sistemático”, censurou Casares.
Para o eurodeputado galego, unha vez máis a Comisión Europea “píntalle a cara” ao Goberno de Rueda, como durante a vaga de incendios, cando “fronte á ocultación” da superficie queimada en moitas zonas de altísimo valor ecolóxico, como Pena Trevinca, “tivo que ser información das institucións comunitarias a que arroxara luz sobre o que estaba a suceder nos montes de Galicia”.
O plan integral que reclama Besteiro
“A deixación de funcións non é unha opción fronte ás agresións ao noso patrimonio natural. Rueda e o PP teñen que superar a parálise e deixar de mirar para outro lado, corrixir o Plan Director e aprobar un plan integral de recuperación das zonas afectadas para reconstruir o patrimonio e devolver a vida ao medio rural, tal e como reclama o noso secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro”, concluiu.