

O Partido Popular tombou onte con rodillo parlamentario 38 das 40 resolucións presentadas polo Grupo Parlamentario Socialista no Debate sobre o Estado da Autonomía. Corenta propostas concretas para mellorar a vida dos galegos e galegas: o PP escoitounas, ignorounas e afundiu 38 dun plumazo, sen ceder un milímetro nin incorporar unha soa emenda. O debate existiu, pero foi un monólogo con final cantado
O Grupo Parlamentario Socialista presentou no DEA corenta resolucións concretas sobre as materias que máis preocupan aos galegos e galegas. O PP, con maioría absoluta, votou en contra de 38. Non foi un debate: foi un conteo. Proposta presentada, proposta enterrada. Trinta e oito veces.
Dixéronlle non ás familias que non atopan vivenda de aluguer a un prezo digno, rexeitando crear un banco público con 10.000 vivendas a prezos asequibles. Non aos doentes que esperan meses para unha cirurxía ou unha proba diagnóstica, negándolles un plan áxil de redución de listas de espera e máis recursos para a Atención Primaria. Non aos profesionais sanitarios que levan meses pedindo sentarse a negociar coa Consellería. Non ás mariscadoras, que reclaman cando a actividade se paraliza e non entran ingresos. Non ás mulleres, votando en contra de blindar constitucionalmente o dereito á interrupción voluntaria do embarazo. Non a Vigo, rexeitando comprometer un terzo do custo das obras que esixe a FIFA para que a cidade sexa sede do Mundial de fútbol 2030.
Tamén votaron en contra de facer público o memorando secreto asinado entre a Xunta e a empresa Altri, de converter o Pazo de Meirás nun centro de memoria democrática e de recuperar o investimento en I+D+i que a propia Xunta recortou nos seus orzamentos. A única resolución aprobada foi a que garante profesorado de apoio, especialistas en Pedagoxía Terapéutica e persoal coidador en todos os centros educativos públicos.
“O que revela este DEA non é só o que votaron en contra: é o que eles mesmos propuxeron. O 68% das resolucións do PP ían dirixidas a Madrid. Nun debate sobre o estado de Galicia, o partido que goberna Galicia dedicou o seu esforzo a pedirlle cousas ao Goberno central. Iso non é gobernar: é unha confesión pública de que non pensan facelo. E cando se comprometen aquí, tampouco cumpren. O ano pasado aprobaron o noso Plan de Saúde Mental e segue sen existir. Hoxe transaccionaron a proposta de cultura diante de toda a cámara e xa a están a incumprir. Non lles deu nin para respectar un acordo asinado o día anterior”, afirmou Lara Méndez, viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista.
Mentres o PSdeG pedía solucións para os doentes e as familias, Rueda dedicou o seu discurso estrela do DEA a culpar aos traballadores que están de baixa por prescrición médica e aos médicos que as prescriben. Ese foi o proxecto político que o PP trouxo ao debate máis importante do ano: non dar respostas, senón apuntar co dedo aos asalariados e aos profesionais sanitarios. Non fai falta preguntarse moito para quen gobernan. O discurso do DEA encargouse de respondelo.
Non é novo. Mendez sinalou que Rueda leva anos sen ter que convencer a ninguén, “e xa se nota”. O PP, dixo, chegou a este DEA sen proposta seria para Galicia e marchou igual. “Para que molestarse, se coa maioría absoluta abonda para que nada do que diga a oposición importe. O Parlamento galego fai tempo que é para el máis un trámite que un lugar onde render contas”, asegurou a socialista.
Finalmente, a voceira socialista sinalou que un goberno que dedica o 68% das súas propias resolucións a pedirlle cousas a Madrid non ten moito que explicar sobre o estado de Galicia. “Pero tampouco o intentou”.