

A deputada socialista esixe ao director xeral da PAC de Medio Rural que deixe de anunciar “futuribles” e explique que medidas reais vai tomar o goberno de Rueda en 2026
Lara Méndez expresou as súas dúbidas sobre o prazo real de posta en marcha do Observatorio de Prezos en Galicia e alertou de que, cando estea operativo, “a mellor xa é tarde” para moitas das explotacións que seguen pechando cada día
A deputada socialista Lara Méndez afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta de Rueda “chega sempre tarde e vai a remolque” na defensa do sector agrario galego. Na comparecencia do director xeral da PAC, Juan José Cerviño, Méndez denunciou que se limitou a dar “unha clase teórica” sobre a xestión da PAC mentres os gandeiros e agricultores de Galicia esperan respostas urxentes.
Méndez reprochoullle ao director xeral que a súa intervención se limitase a explicar como se tramita unha solicitude da PAC, como se xestionan os expedientes e cal é o calendario de pagos. “Supoño que os gandeiros e gandeiras xa terán coñecemento disto”, sinalou con ironía.
A deputada socialista lamentou que, nun momento no que a nova PAC vai supoñer un recorte de case un 20% dos fondos para o sector, a Xunta siga sen ofrecer unha folla de ruta clara. “Explotación que pecha, explotación que non abre”, advertiu Méndez, que reclamóu medidas concretas e non promesas.
Seis anos de atraso co Observatorio de Prezos
Un dos puntos máis críticos da súa intervención foi o Observatorio de Prezos que a Xunta leva meses anunciando. Méndez recordoulles que en La Rioja, outra comunidade gobernada polo PP, esta ferramenta funciona dende febreiro de 2020 e publica datos de prezos cada semana. “Levanlles seis anos de vantaxe. Por que ten que ir sempre a Xunta a remolque?”, cuestionou.
A deputada expresou as súas dúbidas sobre o prazo real de posta en marcha do observatorio en Galicia e alertou de que, cando estea operativo, “a mellor xa é tarde” para moitas das explotacións que seguen pechando cada día.
Mercosur: esixe control real, non só declaracións
Respecto ao acordo Mercosur, Méndez criticou que tanto a conselleira como o presidente Rueda se limitásena viaxar a Bruselas para pedir que se cumpla o que xa está aprobado, sen concretar que instrumentos vai poñer en marcha Galicia dende as súas propias competencias. “Que indicadores van usar para medir o desequilibrio nas importacións? Que controis reais se van realizar? Que capacidade de actuación van ter nos territorios?”, interpelou.
A socialista tamén se referiu á declaración conxunta asinada con organizacións agrarias e á anunciada comisión interdepartamental con catro consellerías (Sanidade, Emprego, Medio Rural e Mar), pero lamentou que todo quede en “vamos a facer, vamos a crear, seguiremos traballando, pero non sabemos en que”.
Méndez concluíu a súa intervención pedindo ao director xeral que solicite unha comparecencia por petición propia na que traslade datos concretos: que actuacións ten realizadas, que medidas están xa en marcha e cales son os prazos. “Veña a dar respostas de verdade. Créame que non nos iba a aburrir”, rematou.
A deputada tamén responsabilizou directamente ao PP europeo pola decisión de recortar a PAC, lembrando que quen tomou esa decisión “son os seus compañeiros”. E retou ao goberno galego a exercer máis presión real en Bruselas, xa que o presidente Rueda e a conselleira “deixaron o listón bastante baixo”.