Luis Álvarez chama a “fuxir dos populismos” e “aproveitar as oportunidades con garantías medioambientais e respecto aos sectores produtivos”
Reclama a Rueda que explique a abstención do seu partido na moción de censura da ultradereita
20 de marzo de 2023. O voceiro do grupo socialista, Luis Álvarez, denunciou hoxe no Parlamento que a Xunta está renunciando ao papel de liderado europeo que lle corresponde a Galicia na xeración de enerxías renovables. Así mesmo, cre que hai que fuxir de posicións populistas que impidan aproveitar “oportunidades”, sempre con” garantías medioambientais e respecto aos sectores produtivos”.
O representante socialista falou ao respecto da polémica coa instalación da eólica mariña na costa galega tralo plan presentado polo goberno de España, que ten previsto completarse no 2030. Deste dependen ademais varias instalacións industriais previstas na comunidade nesta década, así como o futuro de plantas como a de Alcoa na Mariña Lucense ou Stellantis en Vigo.
Neste asunto remarcou que a posición do seu partido é clara, entendendo que Galicia ten que “afrontar o liderado”, sempre con respecto aos sectores produtivos por riba de calquera outro interese e con respecto ao medio ambiente. Ademais entende que “non estamos en posición de renunciar a estes postos de traballo”, ante a situación do desemprego na comunidade.
Un modelo socialista que ten que estar amparado na transparencia por parte do goberno de España, tamén para que as confrarías estean “informadas e non só contaminadas por intereses espurios”. Tamén pasa por que “non pode haber outro interese por riba da pesca”, pero que iso “non ten por que significar renunciar a oportunidades”, poñendo como exemplo outros países como Inglaterra, Escocia, Portugal nos que, asegura, compatibilizan ambos sectores.
Luis Álvarez cre que “estamos ante oito anos críticos, nos que hai que tomar decisións arriscadas para frear o cambio climático”. Transcendencia maior que lle dan a este asunto xa que neste último ano acelerouse a necesidade de independencia enerxética da Unión Europea na que Galicia ten “condicións e recursos” para exercer o liderado.
Un liderado ao que cre que está a renunciar a Xunta, que non amosou cal é o seu modelo de cara á xeración de renovables no futuro, remarcou Álvarez, máis alá dun pequeno documento “moi pintón”, pero sen contido relevante como é a Axenda Enerxética de Galicia 2030.
Emprazou así tamén a que tanto o PP como o BNG expliquen “claramente” cal é o seu modelo. Pola parte dos nacionalista criticou o seu “populismo”, ironizando con que a súa postura é un “nin contigo nin sen mi, ten a miña vida remedio” e que non ofrecen unha alternativa viable para o sostemento enerxético de Galicia, España e Europa no futuro. Tamén acusounos de xerar desconfianza no sector da pesca, a pesar de que dende o executivo central xa aseguraron que se respectarán as zonas delimitadas para a pesca.
RUEDA DE PERFIL ANTE A MOCIÓN DE CENSURA
O voceiro dos socialistas no Parlamento de Galicia tamén recriminou a Rueda a postura do seu partido e do seu antecesor Feijóo en poñerse de perfil ante unha moción de censura presentada pola ultradereita. Sen dar máis explicación que non querer “darlle alas a Sánchez”, o PP non vai a votar en contra de que un partido extremista presida España, afastándose así da “dereita moderada e civilizada europea”.
Ante o silencio do presidente da Xunta e do PP galego, Álvarez reclámalle que saia publicamente a responder e expoñer as razóns trala decisión dos populares. “Que pensa Rueda?, é a pregunta que prantexou o representante socialista.
Álvarez tamén fixo referencia ao Comité Federal celebrado este fin de semana en Madrid, onde os socialistas aprobaron gran parte das listas para as eleccións municipais de maio. Estas son as 231 candidaturas que, tras pasar polas asembleas locais, se aprobaron no Comité Nacional galego.
Unhas listas que tentarán de defender o proxecto socialista que, “ao contrario que o do PP”, baséase na “igualdade, equidade e respecto ao adversario”, incidindo en que dende o seu partido nunca emitirían unha mensaxe como a de Ayuso instigando a “matar” aos seus rivais políticos.