A secretaria de Organización do PSdeG denunciou que o PP “quere borrar o galego”, pretendendo que nas oposicións deixe de ser un requisito para ser un simple mérito e mesmo prohibindo o seu uso no Congreso. “Galicia vive mínimos históricos no uso da lingua e Rueda segue calado. Isto non é neutralidade, é belixerancia contra a nosa identidade”, apuntou
Tamén advertiu das consecuencias das promesas fiscais do PP: “Volven prometer baixadas masivas de impostos sen dicir como van financiar os servizos públicos. Xa o fixeron en Galicia: detrás desas rebaixas sempre hai o mesmo, menos pediatras, menos profes e máis privilexios para quen máis ten”
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, advertiu esta mañá que o Congreso que o PP celebra esta fin de semana “non é un encontro político, senón unha escenificación da súa deriva máis radical”. “O que van aprobar e o que xa aprobaron dá medo —afirmou—, porque non están a escoller perfís de diálogo nin propostas para a xente, están a construír un partido parello a Vox: máis duro, máis agresivo e máis perigoso”.
Lara Méndez, advertiu esta mañá que o Congreso que o PP celebra esta fin de semana non é un encontro político, senón unha escenificación da súa deriva máis radical: “Se o PP fose coherente, esta ponencia titularíase ‘Programa para desmantelar dereitos e sementar odio’ —afirmou—, porque non están a escoller perfís de diálogo nin propostas para a xente, están a construír un partido parello a Vox: máis duro, máis agresivo e máis perigoso”.
Méndez sinalou que os novos nomeamentos, como Miguel Tellado ou Esther Muñoz, confirman que “Feijóo rodeouse dos que mellor se moven no lodo, porque escolleu o fango como modelo de país”. “Non buscan acordos nin consenso, só trincheiras. O que se perfila neste congreso é todo o que Galicia non precisa: máis fango, menos dereitos e ningunha proposta útil para a xente”.
Ataques á lingua, aos máis vulnerables e ás mulleres
A dirixente socialista denunciou que o PP “quere borrar o galego”, pretendendo que nas oposicións deixe de ser un requisito para ser un simple mérito e mesmo prohibindo o seu uso no Congreso. “Galicia vive mínimos históricos no uso da lingua e Rueda segue calado. Isto non é neutralidade, é belixerancia contra a nosa identidade”, advertiu.
Tamén cargou contra as políticas “crueis e clasistas” que promoven: “Retiran dereitos a migrantes, castigan á pobreza endurecendo penas por pequenos furtos e negan: “Non gobernan para protexer, gobernan para castigar”.
En relación coa violencia machista, criticou que a ponencia do PP incorpore referencias expresas ás “denuncias falsas”, un fenómeno que os datos oficiais sitúan por debaixo do 0,01 %. “Incluír isto só serve para poñer o foco nas vítimas, dar cobertura ao discurso de Vox e deixar desprotexidas a moitas mulleres poñendo vidas en risco”, advertiu.
Negacionismo climático e promesas que agochan recortes
Méndez acusou tamén ao PP de “falar de independencia da RTVE mentres censuran a diario” e lembrou que “os e as traballadores levan máis de sete anos de venres negros, denunciando o control político da TVG. “As audiencias están en mínimos históricos porque a xente xa non confía. O PP non quere medios públicos independentes, quere medios ao seu servizo. Como fan coa televisión de Galicia”.
Sobre o medio ambiente, acusou os populares de “negar o evidente” e rebautizar o cambio climático como “realismo ambiental” para xustificar un modelo “caro, inseguro e do pasado” baseado na eliminación da regulación verde e a aposta pola enerxía nuclear sen dar explicacións.
Tamén advertiu das consecuencias das promesas fiscais do PP: “Volven prometer baixadas masivas de impostos sen dicir como van financiar os servizos públicos. Xa o fixeron en Galicia: detrás desas rebaixas sempre hai o mesmo, menos pediatras, menos profes e máis privilexios para quen máis ten”.
“Non queremos un delegado de Feijóo, queremos que defenda Galicia”
A secretaria de Organización dos socialistas galegos preguntouse que vai facer Alfonso Rueda ante esta deriva: “Vai seguir calado mentres Feijóo leva o PP ao extremo? Vai permitir que o galego quede reducido a un mérito? Vai poñer en dúbida o testemuño das vítimas de violencia de xénero? Vai seguir recortando mentres a sanidade e a educación se deterioran? Vai seguir dirixindo os informativos da TVG desde o seu despacho?”.
“Se non está de acordo, que o diga. E se o comparte, que asuma as consecuencias. Galicia merece un presidente que defenda os nosos dereitos, a nosa lingua e os nosos servizos públicos. Non un delegado de Feijóo”, concluíu.