
Lara Méndez advirte que o modelo obsoleto do PP ten provocado o peche da metade das explotacións en 20 anos e a desaparición de máis de 1.100 explotacións de leite en 3 anos
A portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Lara Méndez, reclamou hoxe un novo modelo de agricultura extensiva que permita revitalizar o rural e evite os incendios forestais. Méndez presentou unha iniciativa no Pleno do Parlamento para defender un rural “vivo e poboado” fronte ao modelo “fracasado” de Rueda que provocou a desaparición da metade das explotacións en 10 anos e a peor vaga de incendios dende que hai rexistros, pero que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista reclamou tamén o impulso do Banco de Terras que permita despregar en definitiva un modelo orientado á gandería de pastoreo, que cumpre funcións agroambientais, a conservación da biodiversidade, vertebra o rural e a cohesión do territorio. Ademais, reclamou medidas dirixidas ao relevo xeracional e de mantemento de servizos, permitindo a incorporación de xente nova, que fortalezan o emprego e a economía rural e eviten o despoboamento.
Méndez advertiu que a xestión do PP supuxo o peche de máis de 1.100 explotacións de leite durante os últimos tres anos, a razón de unha ao día, a perda do 38,3 por cento do emprego e a desaparición dun 25 por cento de hectáreas nas explotacións agrícolas. Ademais, engadiu, de que a falla de relevo xeracional supón que o 72 por cento dos titulares de explotacións teñen máis de 55 anos, e só o 3,5 por cento teñen menos de 35.
Urxiu un “cambio de rumbo” na xestión do PP, que evitou tomar medidas eficaces para frear a caída dos prezos que supuxeron perdas estimadas de 127 millóns de euros de ingresos ao ano. Lamentou que a súa única medida sexa apoiar ao PP europeo, que quere impoñer unha redución do 20 por cento nas axudas da PAC.