A secretaria de Organización do PSdeG, advirte sobre Elena Candia que “quen entrega a propósito anónimos falsos para intentar destruír aos seus adversarios políticos non merece ocupar responsabilidades na sede da democracia galega
Tomé anuncia que o PSdeG levará mocións aos concellos e á propia Deputación para esixir que Candia abandone a vida política asumindo as súas responsabilidades.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández advertiu que a candidata do PP está deslexitimada para ser alternativa polo dano que lle provocou a imaxe da cidade
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, esixiulle hoxe á vicepresidenta do Parlamento e candidata do PP á alcaldía de Lugo, Elena Candia, que asuma responsabilidades políticas logo do arquivo definitivo da Operación Pulpo. A responsable socialista subliñou que “quen entrega a propósito anónimos falsos para intentar destruír aos seus adversarios políticos non merece ocupar responsabilidades na sede da democracia galega”.
Méndez aludiu á participación activa da política luguesa para activar unha operación “deseñada con premeditación por Feijóo e Rueda para destruír aos socialistas”, e máis concretamente a Gómez Besteiro. Unha operación activada pola política luguesa a través duns anónimos que se demostraron falsos e que motivaron que o auto do fiscal sinale que “quen oculta o seu rostro para acusar, tamén é capaz de ocultar a verdade no que acusa”.
Nunha rolda de prensa xunto co presidente do PSdeG de Lugo, José Tomé, e o presidente da executiva provincial e alcalde de Lugo, Miguel Fernández, advertiu que o PP “aínda non pediu perdón polo sufrimento causado, polo uso partidista das institucións nin polos milleiros de euros gastados nun proceso completamente inxustificado”. Máis ao contrario, dixo, Candia foi premiada coa vicepresidencia da Mesa do Parlamento e a candidatura á alcaldía de Lugo.
Engadiu que “hai persoas como Feijóo, Rueda ou Candia que desacreditan á política, porque o medo aos adversarios nunca xustifica o acoso xudicial” e do “uso perverso da xustiza para eliminar adversarios”, que equiparou ao lawfare e que, engadiu, “iso tamén é corrupción”. Así se demostrou logo de 12 anos de causa na que foi “inxustamente implicado” o actual secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, xunto con varios técnicos da Deputación de Lugo.
Co arquivo da causa, dixo, demostrouse que “todo foi unha trama orquestrada polo PP” durante 12 anos de “acusacións que se veñen de demostrar falsas” que serviron de coartada a unha xuíza casada cun alto cargo do PP e que “acabaría sendo expedientada, sancionada e apartada da carreira xudicial durante meses polas súas actuacións”.
O Secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e Presidente da Deputación, José Tomé Roca, esixiu “a dimisión inmediata de Elena Candia”, tras confirmarse o arquivo definitivo da causa. Tomé acusou a dirixente popular de “activar esta causa sabendo que non tiña fundamento” e de “provocar un custo social e político irreparable”.
“Candia manchou o nome dunha institución para acabar cun rival político e usou a Deputación para unha estratexia partidista. Candia ten que dimitir”, engadiu Roca. “Sabemos como actúa, e agora que a xustiza desmontou a súa farsa, só queda que asuma as consecuencias e abandone a vida política”.
Ademais, advertiu que o PSdeG levará mocións aos concellos e á propia Deputación para “esixir esas responsabilidades que ela esixe aos demais por motivos infundados”.
Durante a súa intervención, o Secretario Xeral interpelou ao Presidente da Xunta. “Rueda debería pensar moi moito se quere a este tipo de persoas no seu equipo”, advertiu. Así mesmo, sinalou responsabilidades no Partido Popular a nivel autonómico e estatal: “Rueda e Feijóo avalaron politicamente esta manobra. Deben pedir desculpas e depurar responsabilidades no seu partido”.
José Tomé valorou positivamente o arquivo definitivo da coñecida como Operación Pulpo e a resolución xudicial que confirma a inexistencia de delito. “Por fin se fai xustiza. Estas persoas, despois de 12 anos, poderán levar unha vida normal. Cousa que non puideron durante este tempo”.
Lembrou que “o xuíz confirmou que todo se baseou nun escrito anónimo sen fundamento entregado ao Partido Popular” e que o auto recolle que “as propias asinantes da denuncia negaron os feitos”, que o documento foi “destruído sen chegar a rexistrarse” e que “a Fiscalía concluíu que non existían feitos con relevancia penal”. Segundo engadiu, o maxistrado fala dunha “orfandade de indicios” tras máis dunha década de instrución.
Pola súa parte, o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, advertiu do “grave dano causado á cidade de Lugo”, máis aló do prexuízo persoal e familiar ás persoas implicadas. Fernández puxo o foco no impacto institucional e no funcionamento diario do Concello, asegurando que “se trasladou unha imaxe irreal e inxusta de Lugo” que tivo consecuencias directas no avance da cidade.
“Moitos responsables de distintas áreas municipais víronse directamente afectados o que supuxo atrasos en proxectos clave e o freo de iniciativas fundamentais para a mellora dos servizos”, explicou o rexedor. “Houbo un enlentecemento claro no funcionamento e no avance da cidade”, engadiu, denunciando unha “sensación de acoso e derribo que impedía que os proxectos avanzasen”.
Fernández definiuno como unha “tripla responsabilidade”: o dano persoal ás persoas investigadas, o deterioro da imaxe pública de Lugo e a paralización de iniciativas estratéxicas para o municipio. “Sabemos quen foi o culpable e quen activou todo isto. Esperamos que se asuman responsabilidades”, afirmou.
Por último, asegurou que Elena Candia “está deslexitimada en Lugo para ser ningunha alternativa política no Concello”, e pediu que dera explicacións polo papel que xogou neste proceso.da a orquestraron para destruír politicamente a Besteiro.