A voceira socialista dixo que as palabras de Rueda minimizando o alcance dos lumes son “un insulto ás vítimas que perderon vivendas ou o seu medio de vida: “Mesmo unha soa casa afectada xa debería ser motivo de preocupación. Negar o drama non é gobernar: é ofender a quen sufriu perdas irreparables”
Méndez sintetizou o modelo forestal do PP cunha frase: “A política da Xunta en prevención é malo será que pase algo; e en extinción, jesusito, jesusito, que chova rapidito”
A voceira socialista, Lara Méndez, cargou hoxe contra a xestión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ante a vaga de incendios que arrasou Galicia este mes de agosto. “Foi a peor vaga deste século, e o único que parece non sabelo é o propio presidente”, denunciou.
Méndez lembrou que Rueda chegou a afirmar que “o 60% do que ardeu eran matorrais e pedras” e que houbo “poucas casas habitadas afectadas”. Para a socialista, esas palabras son “un insulto ás vítimas que perderon vivendas, viñedos, colmeas ou o seu medio de vida”. “Mesmo unha soa casa afectada xa debería ser motivo de preocupación. Negar o drama non é gobernar: é ofender a quen sufriu perdas irreparables”, dixo.
Un relato en constante fuxida
A socialista acusou ao PP de “xogar ao despiste” en lugar de liderar a resposta: “Primeiro, inventaron unha trama incendiaria para desviar a atención; despois, culpando ao Goberno central, malia que este despregou inmediatamente á UME e efectivos adicionais do Exército ás poucas horas. E finalmente, minimizando a magnitude da catástrofe”. Para Méndez, este é “o modus operandi do Partido Popular en calquera traxedia”.
A voceira socialista tamén denunciou que a reunión de Rueda cos concellos afectados “foi outro teatro”: “En lugar de escoitar aos alcaldes e alcaldesas, limitouse a un monólogo, chegando incluso a dicir que non era unha reunión para falar de política. Iso é unha falacia: cando arde o país, o que se necesitan son solucións políticas, recursos e coordinación.”
Sobre a actuación do PP no Parlamento, Méndez criticou o uso abusivo da maioría absoluta para impoñer tempos, limitar a capacidade de control da oposición e diluír os debates incómodos. “É un rodillo que converte a Cámara nun simple teatro ao servizo do Goberno, en lugar de ser un espazo real de diálogo e control democrático”, advertiu.
Fronte a iso, garantiu que o PSdeG seguirá esixindo responsabilidades e propoñendo alternativas: “Mentres Galicia ardía, Rueda pasou de inventar conspiracións a culpar ao Estado e agora a minimizar o desastre. Nós non imos calar. Seguiremos denunciando a súa neglixencia e reclamando políticas serias que dean resposta ás necesidades do país”.
Finalmente, Méndez sintetizou o modelo forestal do PP cunha frase: “A política da Xunta en prevención é malo será que pase algo; e en extinción, jesusito, jesusito, que chova rapidito. Esa é a improvisación coa que o PP afronta a maior vaga de lumes deste século.”
O perigo das choivas
A socialista advertiu de que a chegada das choivas pode abrir unha nova fase da crise: “As cinzas arrastraranse aos ríos e ao mar, e volveremos sufrir a improvisación do PP, que carece dunha planificación seria para afrontar as consecuencias.”
Xa no tramo final da súa comparecencia, e a preguntas dos xornalistas, Lara Méndez referiuse á proposta do Goberno central de aliviar a débeda das comunidades autónomas, que suporía 4.010 millóns de euros para Galicia: “Rebaixar a débeda permitiría investir en sanidade, educación, servizos sociais e reforzar o estado do benestar. Dicir que non a esa oportunidade é dicirlle que non a máis médicos, máis pediatras, máis profesores ou máis recursos para os concellos.”
A deputada lucense sinalou que “se finalmente Rueda decide rexeitar a quita, terá que explicar por que prefire manter unha débeda que asfixia aos galegos en lugar de liberar recursos para atender as necesidades urxentes da cidadanía”