
Denuncia que a Xunta deixou sen executar os 500.000 euros dos Orzamentos de 2025 que volven incluír nas contas para 2026 para facer un “lavado de cara”
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle hoxe á Xunta que cumpra co compromiso con Lugo e execute a rehabilitación do Cuartel de San Fernando para facer o Museo da Romanización. Méndez presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para levar adiante este compromiso histórico coa cidade que o PP quixo paralizar dende 2013.
A responsable socialista denunciou que o goberno galego deixou sen executar os 500.000 euros que incorporou aos orzamentos deste ano 2025 a raíz dunha emenda presentada do Grupo Socialista e que fora a única proposta da oposición aprobada. Puxo en dúbida que nas contas do ano 2026 vaian executar unha partida que volven incluír “para lavar a cara” diante do “clamor social” na cidade e que “non lles tiren das orellas”.
Criticou que o ano pasado os socialistas rebaixaron a emenda inicial, na que pedían 2 millóns de euros, para acadar un acordo por medio millón de euros que deixaron nun caixón e dos que mesmo quitaron 250.000 euros para dedicalos ao bono alugueiro. Criticou que repitan o orzamento cunha contía que tildou de “irrisoria” e “testemuñal”, que presentan “para non poñerse colorados e dicir que hai compromiso da Xunta, cando a realidade é ben distinta”.
Méndez cuestionou a credibilidade do compromiso de Candia e do PP logo de que a maior parte da representación do PP se ausentara do acto de conmemoración dos 25 anos da Muralla como Patrimonio da Humanidade para acudir á manifestación de Madrid. Criticou a “visión curtopracista e falla de visión a futuro” por parte da Xunta que “deixou o proxecto paralizado” ata o punto de intentar mudar o proxecto para construír un Parador.