

A viceportavoz socialista acusa ao presidente da Xunta de “antepoñer a estratexia de Feijóo á saúde das persoas”
Alerta de que Rueda xa se ergueu doutras catro mesas: Condonación da Débeda, Menores Migrantes, Vivenda e Clima
A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, abriu este luns a súa rolda de prensa condenando e denunciando o ataque ao monumento dedicado a Juan Vidal, alcalde de Arzúa fusilado, un feito que cualificou como “inadmisible e propio doutros tempos que deberan estar superados”.
Tras esa condena inicial, Méndez centrou a súa intervención na política sanitaria, criticando con dureza a decisión do PP de levantarse, por quinta vez, dunha mesa de coordinación co Goberno de España, esta vez a dedicada aos programas de cribado oncolóxico, poucos días despois do escándalo da Xunta de Andalucía.
A viceportavoz cualificou o ocorrido como un dos episodios máis graves de irresponsabilidade sanitaria dos últimos anos: “Primeiro ocultan os datos, despois rompen o diálogo. E todo por un único motivo: porque antepoñen a confrontación política á saúde das persoas”, afirmou.
A dirixente socialista subliñou que non existe un acceso público nin actualizado aos tempos de espera nin á cobertura real dos cribados, o que impide comprobar se Galicia cumpre cos estándares de calidade e equidade recomendados internacionalmente. “O PP pode tentar disfrazalo de normalidade, pero oculta información, rompe o diálogo e bloquea recursos, sabendo que por culpa dese bloqueo quedaron sen aprobar dous millóns de euros destinados ao cribado de cancro de mama”, advertiu. “Non é unha discrepancia técnica, é unha decisión política consciente. E é, simplemente, indecente”, sentenciou.
“Rueda xoga coa confianza da cidadanía”
Méndez acusou ao presidente da Xunta de “xogar coa preocupación e coa confianza da cidadanía”, e de converter Galicia “nun instrumento da estratexia partidaria de Feijóo”. “O que fai o PP é unha vergoña política e moral. Rueda e Feijóo non entenden a sanidade pública como un dereito, senón como unha ferramenta de confrontación”, engadiu.
A socialista advertiu de que o sucedido coa sanidade non é un feito illado, senón “parte dun patrón de comportamento político” no que o PP galego segue as ordes de Feijóo aínda que iso prexudique os intereses dos galegos e das galegas”.
“Rueda utiliza Galicia como ferramenta da estratexia de Feijóo, mesmo cando iso supón perder fondos, oportunidades e dereitos para os galegos e galegas”, denunciou.
“ Non é a primeira mesa da que Galicia se ergueu por interese do PP ”
Méndez lembrou que o ocorrido coa sanidade é a quinta vez que Galicia se levanta dunha mesa de diálogo por decisión de Rueda e indicación de Feijóo: “Xa o fixeron coa condonación da débeda, coa acollida de menores migrantes, coa vivenda, co clima e agora cos cribados de cancro”, explicou. “É un comportamento sistemático que demostra que Rueda antepón os intereses do PP aos de Galicia”, afirmou.
No caso dos menores migrantes, Méndez reprochou á Xunta “copiar a liña dura da dereita e asumir discursos propios da ultradereita”, tratando nenos e nenas como un problema, e non como persoas que precisan protección. “Rueda decidiu situarse do lado do cálculo partidario e non da infancia. Iso non representa os valores de solidariedade e humanidade da maioría social galega”, criticou.
Vivenda e clima: “Rompen o consenso cando Galicia máis o precisa”
A viceportavoz tamén lembrou que o PP se negou a participar no novo Plan Estatal de Vivenda, a pesar do investimento récord previsto para facilitar o acceso á casa. “Mentres miles de mozos e mozas seguen sen poder emanciparse e hai máis de 22.000 familias en lista de agarda, Rueda escolleu a confrontación antes que o diálogo”, advertiu.
E engadiu que, no ámbito ambiental, Galicia tamén se ausentou da Cumbre do Clima, precisamente tras a peor vaga de incendios das últimas décadas, o que cualificou como “outra irresponsabilidade imperdoable”.
“Feijóo, o Ayuso, que xa non sabemos, manda e Rueda obedece, mesmo cando Galicia necesita cooperación, non abandono. Chegará o momento en que teña que explicarlle á xente por que preferiu seguir as ordes dos dirixentes do seus partido antes que defender este país”, concluíu.