A portavoz socialista censura que o presidente da Xunta atrase o pleno para viaxar a Arxentina de vacacións -onde o seu equipo apurou por incluír un acto oficial na súa axenda- tralas críticas recibidas
A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, lamentou hoxe que o Parlamento de Galicia non poida celebrar esta semana o seu pleno ordinario porque o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “volveu antepoñer a súa axenda persoal aos intereses do país”, e advertiu de que “Galicia non pode permitirse un presidente a tempo parcial”.
“Hoxe deberiamos estar no hemiciclo, debatendo e exercendo o control democrático ao Goberno, como corresponde nunha democracia avanzada. Pero non é así: estamos aquí porque, unha vez máis, o señor Rueda desaparece xusto no momento no que ten que dar explicacións”, sinalou Méndez tras a reunión da Xunta de Portavoces.
A dirixente socialista lembrou que esta non é unha situación illada, senón unha forma de actuar que se repite con frecuencia. “Xa retrasou a súa toma de posesión para asistir a unha voda, e agora volve atrasar un pleno, esta vez para marchar de vacacións. O certo é que cada vez que chega o momento de render contas, atopa un plan mellor”, afirmou.
Méndez explicou que xusto antes de entrar na rolda de prensa souberon que Rueda se atopaba en Arxentina, apurando ao seu equipo a incluír un acto oficial na súa axenda privada para tentar xustificar a súa ausencia. “Resulta inaceptable que a vida política deste país estea condicionada polos seus compromisos persoais e pola súa vida social. Galicia necesita un presidente que dea a cara, que respecte ao Parlamento e que poña por diante o interese xeral da cidadanía”, engadiu.
A portavoz sinalou tamén que hoxe tampouco estivo presente o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, pero destacou que a Xunta de Portavoces celebrouse igualmente con normalidade, demostrando que “a actividade parlamentaria non pode deterse pola ausencia dos seus máximos responsables”.
Asuntos que levará o Grupo Socialista ao pleno: propostas e control ao Goberno
Méndez detallou tamén os principais asuntos que o Grupo Socialista levará ao próximo pleno, unha vez que este se celebre. Entre eles, anunciou unha pregunta ao presidente da Xunta sobre as políticas do Goberno galego para afrontar as situacións de desigualdade que se dan en Galicia, así como unha pregunta urxente sobre as novas directrices políticas impostas polo PP en materia de interrupción voluntaria do embarazo, que cualificou de “paso atrás nos dereitos das mulleres”.
O grupo parlamentario rexistrará ademais unha moción para reclamar á Xunta un plan de choque que garanta a prestación do Servizo de Axuda no Fogar, garantindo tanto os dereitos das persoas usuarias como os das traballadoras, e unha proposición non de lei para esixir unha avaliación rigorosa dos requisitos medioambientais, económicos e sociais dos Plans Industriais Estratéxicos (PIE), que condicionarán o futuro económico de Galicia.
O PSdeG tamén reclamará ao Goberno galego que cumpra os seus compromisos e tramite dunha vez unha nova Lei de Administración Local de Galicia, que fortaleza a autonomía municipal, asegure un sistema de financiamento estable e estableza un marco claro de cooperación interadministrativa, “fronte á práctica habitual do PP de favorecer aos concellos gobernados polo seu partido a través de convenios asinados pola porta de atrás”.
Por último, o grupo socialista presentará preguntas sobre os atrasos nas obras do CHUAC e sobre as xestións necesarias para incorporar o Pazo de Montesacro de Cambados ao patrimonio histórico galego, asuntos que, segundo Méndez, “interesan e preocupan á cidadanía e non poden seguir sendo adiados”.
“Todos estes temas son prioritarios e afectan directamente ao benestar e ao futuro de Galicia”, concluíu Lara Méndez, quen advertiu de que “non poden quedar á espera de que o señor Rueda regrese das súas vacacións en Arxentina”. “Galicia merece un presidente comprometido co seu país, non alguén que desaparece cada vez que ten que render contas ante a cidadanía”, sinalou.