A secretaria de Organización do PSdeG asegurou que a mensaxe que se traslada ás vítimas “é demoledora”, e que un presidente que actúa así “queda politicamente inhabilitado”
O PSdeG volverá esixir no Parlamento explicacións sobre o momento no que Rueda tivo coñecemento do caso e por que decidiu non informar e manter a Villares no cargo
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, criticou hoxe que o presidente da Xunta siga sen dar explicacións pola súa actuación ante a denuncia por agresión sexual contra o seu conselleiro do Mar. Durante unha comparecencia na que estivo acompañada pola secretaria de Igualdade, Silvia Fraga, e outras representantes socialistas, Méndez insistiu en esixir responsabilidades políticas ante un caso “que non se pode dar por pechado nin minimizarse”.
Ao mesmo tempo, lembrou que, en Galicia, “cada día máis de 20 mulleres presentan denuncias por violencia de xénero, e cada tres días hai unha nova denuncia por agresión sexual”. De feito, iniciou a súa intervención lembrando á muller asasinada onte na Coruña, nun presunto novo caso de crime machista. Mentres, o presidente da Xunta “reparte bicos, apertas e protección política a un conselleiro denunciado por agresión sexual”.
A tamén viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento galego advertiu que a mensaxe que Rueda lles mandou ás vítimas ao abrazar a Villares “é demoledora”, porque fixo ver que “o poder está para protexer aos seus, non ás vítimas”. “Un presidente que abraza a un conselleiro denunciado por agresión sexual queda politicamente inhabilitado”, afirmou.
Para Méndez, o caso Villares non rematou co que foi “unha dimisión forzada”. A “gravísima xestión” por parte de Rueda “non foi un erro puntual”, senón que se tratou dun “comportamento sostido” no tempo, dado que coñecía a existencia da denuncia desde febreiro. “Durante meses optou polo silencio e a inacción, e só cando Villares foi chamado polo Tribunal Superior de Xustiza se produciu a dimisión, e mesmo nese momento, Rueda preferiu as apertas e os eloxios públicos ao conselleiro”, repasou.
Todo o anterior mostra unha actitude “de encubridor, non de presidente responsable”, ademais de que se tratou dunha dimisión “forzada”. Non foi froito dunha decisión política nin dunha asunción de responsabilidade, senón que foi un “movemento obrigado polos feitos”.
A secretaria de Organización asegurou que o Partido Socialista “non da o caso por pechado” e, polo tanto, vai seguir presentando iniciativas no Parlamento en relación con el. “Xa rexistramos varias baterías solicitando comparecencias e esixindo transparencia, porque queremos saber cando Rueda tivo coñecemento da denuncia, por que decidiu non informar, por que mantivo a Villares no cargo e se existiron instrucións políticas para soster a situación”, detallou, e insistiu: “Non imos parar ata que dea todas as explicacións que lle debe á cidadanía galega, porque o silencio e a protección política non poden ser a resposta ante unha denuncia tan grave”.
Pola súa banda, Silvia Fraga recordou que en ningún caso a violencia machista é un asunto privado, como cualificou Rueda a denuncia contra Villares. “É un asunto público e incúmbenos á toda a sociedade, e principalmente ás institucións, protexer ás vítimas. Isto recoñécese no Convenio de Estambul e na páxina web da Consellería de Igualdade, onde di que entender a violencia como asunto privado reforza a subordinación das mulleres”, aclarou.
Por iso, cualificou de “absolutamente indigna” a actuación tanto do presidente da Xunta coma do Goberno do PP. “Foi intolerable, porque deron por suposta a inocencia do conselleiro, o cal pode supoñer que dan por suposta a falsidade dos feitos denunciados pola vítima”, remarcou.