Esíxelle ao goberno galego que “deixen de vender fume e comecen a vender xestión e poñer realidades enriba da mesa”
O parlamentario socialista Julio Abalde cualificou hoxe de “inoperante e incapaz” á Consellería de Vivenda, que en 3 anos de xestión só puido entregar 2 dos 49 pisos programados en Ferrol para ser rehabilitados baixo o Plan Rexurbe. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Obras Públicas para esixirlle á Xunta que “deixen de vender fume e comecen a vender xestión”.
Abalde advertiu que a este ritmo o goberno galego non vai ser capaz de sacar ao mercado o 80 por cento dos pisos previstos no ano 26, polo que lles esixiu que “deixen de facer anuncios e informes e poñan realidades enriba da mesa. Advertiu que o Rexurbe é competencia exclusiva da Xunta, que ao quedar sen escusas para acusar ao goberno central ou aos concellos demostra a súa “falla de previsión, planificación e programación”.
O parlamentario socialista preguntoulle ao goberno galego pola execución do programa Rexurbe en Ferrol, no que a Xunta adquiría inmobles para rehabilitar e alugar a prezos accesibles. Explicou que este convenio foi asinado en agosto de 2023 para poñer no mercado 49 vivendas nun prazo de 15 meses, pero en pleno 2025 só remataron dúas vivendas e teñen outras 5 pendentes de entregar, moi lonxe do obxectivo inicial.