A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, denunciou hoxe en Comisión o “incumprimento flagrante” por parte do Goberno galego do Plan de Infraestruturas Xudiciais 2010-2015 –PIX-. A responsable socialista lamentou a “falla de compromiso” do PP e do goberno galego, que hoxe rexeitaron esta iniciativa para evitar comprometer o remate das obras pendentes antes do remate desta Lexislatura.
A portavoz socialista explicou que o Plan de Infraestruturas Xudiciais 2010-2015 prevía un investimento de máis de 97 millóns de euros para rehabilitación, ampliación ou nova construción de edificios xudiciais en Galicia. Entre os anos 2014 e 2017, sinalou, tiñan sen executar o 47 por cento dos investimentos previstos, e actualmente aínda teñen sen executar o 30 por cento do que tiñan que ter finalizado xa en 2015.
Acusou a Feijóo de incumprir co seu compromiso de 2010 de realizar 64 actuacións, das cales 20 eran nova construción ou gran reforma. Desmentiu o anuncio do goberno glaego, que en 2017 afirmaba que 58 das 64 actuacións previstas estaban executadas ou en execución, xa que “Sarria, Muros, A Estrada, Cambados ou Vilagarcía carecen de edificios da Xunta e tampouco teñen prevista a súa construción”.
Vilán advertiu que “as obras non se levaron a cabo e, debido á escaseza de orzamentos, a execución do Plan de Infraestruturas Xudiciais encomendouse inicialmente á Sociedade Pública de Investimentos –SPI-”. Desta forma, explicou, convirten as actuacións en extraorzamentarias eluden o control e información.
Acusou ao goberno galego de agochar os detalles reais dos investimentos realizados, polo que, sinalou, “nas rendicións de contas dos anos de encargo do PIX por parte da SEPI non se ofrece detalle algún dos investimentos realmente realizados”.
Iniciativa
A responsable socialista insta ao Goberno da Xunta de Galicia a “cumprir coa totalidade do PIX 2010 -2015 antes de que remate a actual lexislatura, executando todas as actuacións de nova construción ou gran reforma e todas as de rehabilitación e mantemento que contén aquel”.
Vilán advertiu da necesidade de que “a información e control da execución do PIX sexan precisos e se rendan contas ao final de cada período de sesións pola Consellería de Xustiza respecto dos encargos da Consellería de Xustiza ao SEPI, e dos investimentos realmente realizados”.