

A deputada do Grupo Parlamentario Socialista denuncia un pacto secreto para blindar á multinacional que o Grupo Socialista pediu coñecer en varias ocasións
Patricia Iglesias condenou que Rueda quera “socializar as perdas mentres privatiza os beneficios”
Reiterou o apoio incondicional do PSdeG ás vítimas de calquera tipo de conduta machista, defendendo unha política de tolerancia cero “baseada en feitos e non en palabras” e animou a PP e BNG a sumarse a esta medida e crear un canal antiacoso nas súas organizacións
A deputada do Grupo Parlamentario Socialista Patricia Iglesias denunciou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, impulsou unha reforma legal feita á medida para blindar o proxecto de Altri e abrir a porta a que Galicia teña que pagar indemnizacións millonarias con cartos públicos no caso de que o proxecto non saia adiante. Así o advertiu ao anunciar a moción que o PSdeG levará esta semana ao Pleno do Parlamento de Galicia.
Iglesias explicou que a Xunta modificou en 2024 a Lei de Proxectos Industriais a través da Lei de Medidas, introducindo pola porta de atrás os artigos 85 e 86, unha cláusula deseñada expresamente para esta multinacional. “A lei establece que, se no prazo dun ano a Xunta non resolve o procedemento, Galicia queda obrigada a indemnizar á empresa”, sinalou.
Segundo detallou, a norma fixa unha indemnización mínima do 1% dos gastos do proxecto, que pode chegar ata os 500.000 euros, e mesmo incrementarse se a empresa reclama máis danos e prexuízos. “Non falamos de interpretacións políticas, falamos do texto literal da lei. É un traxe a medida para blindar Altri con diñeiro público”, subliñou.
A deputada do Grupo Parlamentario Socialista vinculou esta reforma a un pacto oculto entre a Xunta e a promotora do proxecto, asinado polo entón conselleiro de Economía e Industria, do que a día de hoxe segue sen coñecerse o contido. “Solicitámolo reiteradamente neste Parlamento e o PP négase a facelo público. O único que coñecemos son as súas consecuencias, e son moi graves”, advertiu.
Iglesias lembrou que foi o Goberno de España quen dixo tres veces non a Altri: ás axudas do PERTE de descarbonización por non cumprir cos criterios de innovación nin co Pacto Verde Europeo, á solicitude extraordinaria de 250 millóns de euros e ao subministro eléctrico. “Mentres o Goberno central freou o proxecto, a Xunta dedicouse a protexelo”, afirmou.
Fronte a esta actuación, subliñou que a Xunta ten competencias exclusivas en política industrial, autorización ambiental integrada e concesión de augas, polo que “non pode seguir sen dicir nin si nin non”. “A pataca quente está no seu tellado e este atraso deliberado pode acabar pagándoo toda a cidadanía galega”, advertiu.
A deputada reiterou que o PSdeG mantivo desde o primeiro momento unha posición clara e coherente: “Non á macrocelulosa, non a socializar perdas e privatizar beneficios e non a que Galicia se converta nunha aseguradora dunha empresa privada”.
Tolerancia cero fronte ao acoso
Na súa comparecencia, Patricia Iglesias reiterou o apoio incondicional do PSdeG ás vítimas de calquera tipo de conduta machista, defendendo unha política de tolerancia cero baseada en feitos e non en palabras.
Iglesias remarcou que, desde o mesmo momento en que se coñeceu publicamente a existencia dunha denuncia anónima por un programa de televisión, o PSOE actuou con contundencia e sen dilacións. O partido confirmou de inmediato que a denuncia entrara o luns pola tarde a través do canle estatal anónimo, e en menos de 24 horas activouse todo o dispositivo previsto no protocolo antiacoso, que se saldou coa suspensión da militancia e a renuncia a todos os cargos do presunto acosador.
“Isto é actuar con responsabilidade, protexendo á vítima e sen mirar para outro lado”, subliñou, contrapondo esta resposta á actitude doutros gobernos e partidos que ocultan, atrasan ou minimizan denuncias, desviando o foco e revictimizando ás vítimas.
A deputada mostrou tamén o seu respecto absoluto a todas as mulleres socialistas, tanto ás que asinaron o manifesto como ás que decidiron non facelo. “Todas estamos na defensa da igualdade e do feminismo”, sinalou, insistindo en que actuar en menos de 24 horas desde que se coñeceu a existencia dunha denuncia é actuar con celeridade e responsabilidade.
Iglesias quixo lembrar tamén que, nos casos de acoso sexual, a única persoa que pode activar o procedemento é a propia vítima, xa que así o establece a lexislación vixente. “É un dereito da vítima decidir cando e como denunciar, e sen esa denuncia non se pode iniciar un proceso garantista que preserve a súa protección, a súa dignidade e a súa confidencialidade”, explicou.
Finalmente, advertiu do crecemento do negacionismo da violencia machista, especialmente entre a mocidade, e defendeu o feminismo como un movemento transformador imprescindible. “Os protocolos teñen que existir e activarse. Non desviemos o foco: a prioridade é a protección das vítimas”, concluíu.