Paloma Castro reclámalle á Xunta que acorde un Plan de infraestrutura verde con Fegamp, Consello Galego de Medio Ambiente e Universidade
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, propuxo hoxe integrar unha Gran Vía Verde Atlántica que percorra Galicia mediante unha ruta peonil e ciclable que conecte coas fronteiras con Asturias e Portugal. A responsable socialista lamentou o voto do PP en contra desta proposición non de Lei que presentou no Pleno do Parlamento para que a Xunta se incorpore ás grandes redes europeas e a abstención parcial do BNG a incorporar as rutas á rede ciclista Eurovelo.
Castro defendeu unha Galicia “plenamente integrada na visión europea” que combina ecoloxía, economía e equidade seguindo a aposta comunitaria por unha Rede Transeuropea de Infraestruturas Verdes, que conecte espazos naturais, mellore a saúde ambiental dos entornos rurais e urbanos e contribúa á adaptación fronte ao cambio climático.
Neste sentido, propuxo consensuar coa Fegamp, o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e coa Universidade un Plan de infraestrutura verde e da conectividade e a restauración ecolóxica. Este Plan debera incorporar a creación dunha gran Vía Verde Atlántica que peonil e ciclista que percorra dende Asturias ata Portugal e permita unir Galicia á rede europea Eurovelo.
A parlamentaria socialista sinalou que esta iniciativa é viable aproveitando o patrimonio xa existente en Galicia, que conita xa con 4 Vías Verdes desenvolvidas pola Fundación Ferrocarriles de España, que son a do Salnés, a do Eo, a Vigo – Redondela e a Vía Verde de Compostela – Tambre – Lengüelle e Cerceda – Sigüeiro.
Explicou que esta iniciativa supón unha “oportunidade para xerar emprego de calidade”, dinamiza o rural, fomenta o turismo activo e constitúe unha aposta estratéxica por un novo modelo de mobilidade sostible e de integración de Galicia a favor dun país “máis verde, máis habitable e máis resiliente” incorporado á rede europea de rutas ciclistas Eurovelo.