

Silvia Longueira censura que a “total falta de planificación” da Consellería de Asuntos Sociais converteu a Galicia na cuarta Comunidade Autónoma con máis déficit de prazas en residencias
A portavoz de Política Social do Grupo socialista, Silvia Longueira, acusou hoxe ao PP de “mudar dereitos por bonos” na atención aos maiores, “usurpando” o seu dereito a unha atención pública de calidade para impoñer un modelo de coidados centrado na “bonificación permanente”. Así o dixo no debate da Interpelación que presentou no Pleno do Parlamento, na que criticou que a “total falla de planificación” na xestión converteu a Galicia na cuarta Comunidade Autónoma con máis déficit de prazas en residencias.
Longueira resumiu que “cada vez hai máis cartos para bonos e menos para a prestación de dereitos e servizos” por parte dun goberno que prefire “eliminar burocracia e instaurar o bono universal”, co que “aforran unha chea de cartos agochando dereitos, despachando o problema co café para todos e dicindo que aceleran a Dependencia”.
Con esta solución “de cifras e letras”, ironizou, teñen convertido a Galicia na cuarta Comunidade Autónoma con máis déficit de prazas, por detrás de Andalucía, a Comunidade Valenciana e Cataluña. Lembrou que esta Comunidade Autónoma ten hoxe un déficit de 11.509 prazas para cumprir a ratio que apunta a OMS de 5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos, cando ten máis de 700.000 persoas maiores nese tramo de idade.
Advertiu que nos próximos anos chegará ao sistema público de Dependencia o maior número de usuarios ata a data, mentres a Consellería apenas é quen de agochar a súa “total falta de planificación”.
Denunciou a falla de xestión do PP e do goberno galego, nos brazos das aportacións de particulares que entreguen “chave en man” inmobles que serán xestionados polo sector privado, en alusión á entrega de residencias construídas por Amancio Ortega, que lle está “sacando as castañas do fogo” ao goberno galego.
Criticou que o goberno galego permita que a xestión privada aproveite un “negocio que crece como a espuma” a costa das condicións leoninas das traballadoras e traballadores dos centros, fundamentalmente privados. E polo camiño, sinalou, as inspeccións teñen pechado xa 5 residencias nos 5 últimos anos polas neglixencias e incumprimentos na xestión.
Sinalou a manchea de irregularidades na xestión das residencias, ademais de que agora teñen que atender ás persoas con problemas de saúde mental que lles envía o goberno galego sen ter persoal sanitario adecuado para o seu coidado. Defendeu ao persoal que traballa “día a día como dique de contención desta situación que por veces é tan surreal como grotesca”.
A responsable socialista reclamoulle á conselleira que tome medidas para mudar esta situación caótica e comece por presentar e aprobar o Plan estratéxico de servizos sociais e reactivar o Consello Galego de Benestar Social. Esixiu ademais unha relación fluída e de traballo cos colexios profesionais e os sindicatos, e que teñan en conta ao terceiro sector “non só como un clúster de empresas que prestan servizos e lles aforran persoal e horas de xestión”.
Recurso de inconstitucionalidade
Longueira ironizou con que mentres Feijóo “non é presidente porque non quere”, en Galicia Rueda “quere gobernar onde non goberna” e regula as leis da dependencia e a discapacidade, que “producen dereitos diferentes recoñecidos en leis estatais”, ata o punto de obrigalo a acudir ao Tribunal Constitucional.