
Paloma Castro reclama ao goberno galego a modificar a Orde que exclúe das axudas ás vítimas de trata traídas a Galicia dende o estranxeiro
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, acusou hoxe ao PP de converter a Lei de Igualdade en “papel mollado” porque “non vai acompañada de vontade política de ferro” para a súa aplicación. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Igualdade no Pleno do Parlamento, na que Castro reivindicou “un mundo de iguais” porque “cando avanzan as mulleres, avanza a democracia”.
A responsable socialista sinalou que “cando unha muller é libre de decidir o seu destino, a sociedade enteira gaña”, e reclamou “un mundo sen teitos de cemento nin de cristal” no que a Igualdade constitúe a “pedra angular da democracia”. Criticou a xestión do PP, que converte as leis en materia de igualdade en medidas cosméticas cando “ata a Constitución palidece” diante dos seus pactos políticos coa estrema dereita.
Acusou ao PP de respaldar o discurso do odio e o negacionismo da violencia de xénero da estrema dereita, con efectos “terribles” no avance do machismo entre a poboación máis nova. Censurou a posición deste partido, ao que “escoitamos dicir que poden facer ‘concesións’ para chegar a acordos de goberno con partidos declaradamente machistas ou que as políticas de xénero son ‘inventos ideolóxicos”.
Paloma Castro denunciou neste sentido que o PP emprega “as palizas, os moretóns, os desprezos, a fenda salarial ou os despidos encubertos por quedarte embarazada” como “cuestións que deixan no armario para utilizar como unha chaqueta reversible”.
Plan Galego contra a Trata
A responsable socialista emprazou á conselleira de Igaldade a aprobar o II Plan Galego contra a Trata, que leva xa un ano de retraso, incorporando as proposta da Rede Galega contra a Trata para retirar as restricións administrativas que exclúen das axudas ás vítimas de trata estranxeiras traídas a Galicia polas redes criminais. Explicou que as axudas esixen ter residencia legal en España, pero as propias redes criminais lles impiden regularizar a súa situación administrativa.
Explicou que o goberno galego está eliminando ‘de facto’ ao 90 por cento das vítimas de trata por estas restricións impostas na Orde da Xunta para a prestación periódica para as mulleres que sofren violencia de xénero. Advertiu que estas vítimas non poden saír do sistema prostitucional sen axudas, polo que se atopan encerradas nun círculo vicioso que só pode romper o goberno con medias que lles garantan apoio.
CIM
Castro tamén lle reclamou ao goberno galego que modifique o decreto de 2016 que regula os Centros de Información á Muller para responsabilizarse desta competencia impropia que teñen descargado nos concellos para que asuman este servizo fundamental con cargo aos seus orzamentos, que xa están tensionados.
A realidade é que o 26 por cento dos concellos galegos carecen deste servizo, o que “evidencia unha clara desigualdade estrutural no acceso aos dereitos e supón unha vulneración do principio de igualdade de oportunidades”. Alertou do “abandono das mulleres rurais”, que como moito poden acceder aos ‘CIM móbiles’ rotulados que “dan visibilidade á Xunta pero non resolven o problema estrutural” porque “a axuda eficaz baséase na confianza e a proximidade, non na exhibición”.