O secretario xeral reproba o “cinismo” do presidente da Xunta e ironiza con que a súa aposta de futuro sexa con dous presidentes que se xubilan en dous meses
Santiago, 26 de febreiro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou hoxe as declaracións do presidente da Xunta nas que anticipaba un rexeitamento ás decisións do goberno de España aínda antes de atoparse en funcións, e instou a Feijóo a exercer o seu cargo de xeito “leal” pese a que “se poña colorado ao recordar a súa supeditación a Rajoy”.
Neste senso, o líder dos socialistas galegos reprochou a Feijóo o seu “cinismo político”, posto que “calou cando Rajoy deixou sen executar máis de 2.000 millóns de euros orzamentados para Galicia” e tamén cando Rajoy, el si estando en funcións, autorizou unha prórroga da concesión de Ence na ría de Pontevedra por 60 anos.
Tamén se amosou “atónito” Gonzalo Caballero polo “atrevemento” de Feijóo ao propoñer que se regule o que un executivo pode aprobar estando en funcións, máxime cando el foi conselleiro dun goberno presidido por Manuel Fraga que autorizou a construción de varios edificios da Cidade da Cultura despois de perder as eleccións autonómicas en 2005.
Por último, o secretario xeral do PSdeG ironizou con que “a aposta de futuro” de Feijóo que o ten levado hoxe a Madrid sexa da man de dous presidentes autonómicos, o de Asturias e o de Castela e León, que xa teñen anunciado que non volverán a presentarse ás eleccións.