O secretario xeral sostén que “Galicia merece un presidente que se poña do lado da limpeza e da exemplaridade cando hai sospeitas de que se desviaron tres millóns de euros da sanidade pública cara a ‘caixa b’ do PP”
Santiago, 4 de setembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou hoxe as declaracións de Feijóo nas que “sae a defender ás madriñas políticas de Pablo Casado”, en referencia a Esperanza Aguirre e Cristina Cifuentes, as ex-presidentas da Comunidade de Madrid que están sendo investigadas pola financiación irregular do PP.
“Sae a defendelas porque está acostumado a vivir nun Partido Popular que estivo inundado pola corrupción e que non asumiu ningún tipo de responsabilidade”, evidenciou o líder dos socialistas galegos, crítico con que o presidente elixa poñerse ao seu carón neste intre.
“Merecemos un presidente da Xunta que se poña do lado da limpeza e da exemplaridade cando hai sospeitas de que se desviaron tres millóns de euros da sanidade pública cara a ‘caixa b’ do PP”, incidiu Gonzalo Caballero, quen sinalou tamén que os xuíces que investigan a Operación Púnica outorgan a Aguirre “un papel decisivo e fundamental na financiación ilegal do PP”.
Por iso, engadiu o máximo dirixente do PSdeG, Feijóo “ten que rectificar”, máxime cando “os xuíces seguen investigando a corrupción estrutural do PP” e que xa se sentenciou no caso Gürtel. “O PP non ten un compromiso claro coa exemplaridade e coa loita contra a corrupción”, lamentou Gonzalo Caballero.