O secretario xeral sinala que os traballadores son conscientes de que “Feijóo non é un aliado” senón que unicamente persegue a “tensión” co executivo central
Cervo, 2 de abril de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este martes unha xuntanza co comité de empresa de Alcoa en Cervo para transmitir ao persoal que o goberno socialista “está comprometido co sector industrial”. Así o evidencia, sinalou, a aprobación do estatuto para as empresas electrointensivas, “algo que o PP non fixo en sete anos”.
En compañía da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; e dos alcaldes de Burela e Alfoz, Alfredo Llano e Jorge Val; da deputada autonómica Patricia Otero e de candidatos do PSOE ás eleccións xerais pola provincia, Gonzalo Caballero explicou que o goberno é “consciente da importancia de dar viabilidade e estabilidade ao sector industrial de cara ao futuro” e, precisamente por iso, está tomando medidas que palíen “as crises industriais que nos deixou o PP pola súa incompetencia”, tanto no que atinxe á época de Mariano Rajoy como ao mandato de Feijóo.
“En nove meses, puxemos os mimbres para construír unha política industrial máis sólida e estable”, remarcou o líder dos socialistas galegos, para facer fincapé na importancia do estatuto deseñado para as empresas que rexistran un elevado volume de consumo enerxético.
Esas empresas, como dixo Gonzalo Caballero citando a Alcoa ou a Ferroatlántica, “necesitan un marco legal que lles dea posibilidades de futuro” e por iso o goberno socialista está “traballando día a día para sacar adiante medidas que lles sexan favorables”. Fronte a isto, sinalou, “Feijóo está nuns niveis de irresponsabilidade e incompetencia que os galegos non merecemos” co único obxectivo de xerar “tensión” co executivo que lidera Pedro Sánchez.
“Feijóo utiliza a política industrial como unha arma electoral dun xeito incendario, poñendo ao seu conselleiro de perfil en vez de poñelo a traballar para dar unha solución aos problemas das industrias galegas”, constatou o máximo dirixente do PSdeG, despois de recordar que foi o goberno de España o que conseguiu máis tempo para procurar unha solución a Alcoa e que xa están aparecendo inversores.
“FEIJÓO NON É UN ALIADO”
Neste contexto, Gonzalo Caballero explicou que os traballadores “son conscientes de que Feijóo non é un aliado do sector industrial”, senón que “está utilizando as dificultades” que poidan existir “para buscar mecanismos de tensión co goberno socialista en busca dos votos que sabe que non ten”.
Por iso, o dirixente do PSdeG fixo un chamamento a “non caer” nesa “irresponsabilidade” amosada polo presidente da Xunta. “Para solucionar os problemas industriais é necesaria a corresponsabilidade, e o goberno de España ten vontade e unha folla de ruta para dar solucións aos problemas que deixa o PP”, concluíu.
VISITA A SARRIA
Despois de manter esta xuntanza co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, o secretario xeral do PSdeG desprazouse ata Sarria, onde foi recibido pola alcaldesa, Pilar López Yáñez.
Ambos abordaron as dificultades que atravesan os pequenos municipios do interior, e Gonzalo Caballero botou en falta medidas de apoio por parte do goberno galego para revitalizar o rural.
Ademais de cargos socialistas da bisbarra, en Sarria estiveron tamén os cabezas de lista ao Congreso e ao Senado pola provincia, Ana Prieto e César Mogo, respectivamente.