Pedro Sánchez pregunta “desde cuándo se habla en España de usar armas” e recalca que o seu goberno fixo “mucho más por Galicia en 10 meses que el PP en siete años”
Ourense, 16 de abril de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe nunha comida-mitin xunto co presidente do goberno, Pedro Sánchez, en Ourense, dende onde chamou a “non confiarse nin un minuto” porque a alternativa pasa por “unha dereita e unha ultradereita con propostas disparatadas”.
“Cando a dereita di que quere pactar cunha forza política que difunde mensaxes xenófobas, que propón utilizar armas… Claro que nos preocupa!”, recalcou Gonzalo Caballero, ao tempo que esixiu a Pablo Casado que faga “rectificar e desculparse” ao seu candidato por Huelva ao Congreso. “Os límites e a dignidade están por riba das paixóns sen cerebro”, advertiu.
Ante este panorama, o líder dos socialistas galegos apelou a unha mobilización masiva que manteña a Pedro Sánchez a fronte do goberno porque, aínda que “parece que as cousas van moi ben, temos que estar alerta”. “Por un voto decídense unhas eleccións”, remarcou, consciente de que o 28 de abril dirímese entre “avance” ou “retroceso”.
“Nós temos un proxecto de país no que cabemos todos, centrado na loita contra a desigualdade, no que cabe a diversidade da cidadanía e dos pobos de España, que combina o compromiso constitucional e co estado de dereito coa vontade de diálogo e de acadar solucións”, explicou Gonzalo Caballero, crítico cunha dereita e unha ultradereita que “abandonou calquera perspectiva de equilibrio”.
“XOGÁMONOS MOITO”
Por iso, o máximo dirixente do PSdeG fixo fincapé en que 0 28 de abril “xogámonos moito” e sinalou como “a mellor mostra de compromiso cos avances sociais e de dicir que non aos recortes de Feijóo é votar ao PSOE de Pedro Sánchez”.
“O balance dos 10 anos de Feijóo é nefasto: uns servizos públicos con menos calidade e prestacións; unha sanidade pública ferida e na UVI, con menos persoal e menos camas que cando chegou, menos pediatras…”, enumerou Gonzalo Caballero, consciente de que “non se pode consentir esta política privatizadora” do público.
Así as cousas, Pedro Sánchez comprometeuse a vir a Galicia na campaña autonómica para situar a Gonzalo Caballero á fronte da Xunta, ao igual que fará tamén nas vindeiras municipais en distintos puntos da comunidade.
“LOS ÚNICOS QUE PODEMOS FRENAR A LA DERECHA”
E, seguindo a liña da mobilización de cara ao 28 de abril, o presidente do goberno e secretario xeral do PSOE recordou que, pese ás enquisas, o partido socialista gañou en Finlandia “sólo por 6.000 votos”.
“Tenemos una derecha con tres siglas y un único adversario, nosotros, porque somos los únicos que la pueden frenar”, enfatizou, para preguntarse “desde cuándo se habla en España de xenofobia y de uso de armas” o “desde cuándo se cuestiona en nuestro país la violencia de género o la existencia misma del salario mínimo interprofesional”.
Por iso, pediu o voto para o PSOE dende o convencemento de que é importante seguir tomando medidas que teñan en conta á maioría. Ademais, como destacou Pedro Sánchez, porque o seu goberno fixo “mucho más por Galicia en 10 meses que el PP en siete años” con Rajoy al frente.
“EXEMPLARIDADE”
A cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Marina Ortega, foi a primeira en tomar a palabra e o fixo para reivindicar “a exemplaridade” que Pedro Sánchez devolveu á política, así como o feito de que “deu voz e solucións ás demandas e problemas que ten a cidadanía”.
“Notamos o cambio”, destacou Marina Ortega, tras recordar as medidas e plans postos en marcha para a xuventude, as persoas que sofren o desemprego, as persoas con diversidade funcional, os autónomos e os pensionistas, e avanzou que “continuará” poñendo en marcha actuacións “para blindar o benestar”.
Pola súa banda, o secretario provincial do PSOE de Ourense e candidato á alcaldía da capital, Rafael Rodríguez Villarino, puxo en valor “a esquerda inclusiva e europeísta” que lidera Pedro Sánchez fronte á “inacción” que caracteriza a forma de actuar da dereita, que “non quere que cambien as cousas”.
Así se explica, continuou, que Ourense teña “a renda máis baixa de toda Galicia, máis persoas cobrando subsidios que cotizando e unha caída de poboación” que sitúa á provincia “camiño da extinción”. “Pero os tres partidos da dereita seguen ancorados no discurso de que hai que resignarse”, lamentou.