O secretario xeral do PSdeG honra a Castelao en Rianxo e defende unha Galicia orgullosa da súa identidade “que non se pecha nin se rende, que avanza coa forza da súa xente”
Centrou a vivenda como o gran problema de Galicia e reivindicou un novo modelo de financiamento “con máis recursos adaptado ás nosas singularidades, suficiente e solidario”
Censura a Rueda por antepor os intereses galegos aos de Feijóo e lamenta o rexeitamento constante do BNG: “Galicia non precisa iso, senón un galeguismo que una”
José Ramón Gómez Besteiro aproveitou o 25 de xullo en Rianxo para insistir nunha idea de país que non se resigna e que quere avanzar. Fíxoo diante do busto de Castelao, na vila que o viu nacer, reivindicando un galeguismo útil, sen exclusións, que non se queda na nostalxia nin nas etiquetas. “Galicia non é unha bandeira que se saca en festivos. Galicia é unha causa diaria”, dixo.
Neste Día Nacional de Galicia, que o PSdeG celebra desde hai case 30 anos na localidade natal de Castelao, lembrou os 75 anos do pasamento do galeguista e defendeu unha Galicia que se constrúe sen pedir permiso e sen complexos: “El soñaba cunha Galicia libre, valente, orgullosa do que é. E nós seguimos empeñados en facela realidade”.
Galicia non se reparte: deféndese
“No sinto que Galicia sexa miña. Nin creo que lle pertenza a ninguén”, advertiu. “A Galicia que defendemos é unha terra sen fronteiras mentais, sen exclusións, sen etiquetas que dividan”. E engadiu: “Galicia é de quen a coida. De quen a defende. De quen traballa por ela veñan de onde veñan”.
Por iso, sinalou, “temos que defender este discurso con forza e con dignidade fronte a quen, como Rueda e o seu goberno, négase a acoller nenos e nenas migrantes que foxen de crises humanitarias”. E engadiu: “Porque esa actitude nos deshumaniza como país”.
Tamén advertiu sobre a situación global: “Vemos líderes perigosos ao mando de potencias nucleares. Vemos un xenocidio en Gaza que moitos aínda xustifican. Vemos unha guerra brutal en Ucraína que algúns —mesmo aquí en Galicia— prefiren ignorar: falan de soberanía, pero calan ante a invasión”.
E foi claro: “A crispación política non é casual. A dereita está disposta a destruír a convivencia democrática só para chegar ao Goberno que cren seu por dereito hereditario”.
Tres formas de mirar para Galicia
Besteiro resumiu o momento político en tres olladas. A do PP, “cada vez máis ultra, máis reaccionaria”. “Rueda non é o presidente que esta terra merece. Segue sendo o vicepresidente de Feijóo, sometido ás ordes do PP máis rancio”. Lembrou que o presidente da Xunta “se levanta de todas as mesas”: cando se fala de financiamento, cando se ofrece condonar parte da débeda xerada polo PP, cando se abren vías para impulsar a vivenda ou a eólica. E concluíu: “Rueda non preside: obedece. E non aos intereses de Galicia”. “O PP actual xa nin disimula. É unha dereita sen complexos, atrapada pola envexa a VOX, que lle marca o camiño”.
A do BNG, que cualificou como un “nacionalismo excluínte” que “fala no nome do país sen preguntar” e que “enche as fotos de bandeiras e os discursos de autosuficiencia moral”. Lamentou que non apoiasen no Congreso a suba das pensións, a rebaixa das peaxes nin o decreto para impulsar as enerxías limpas. “Negarse sempre a sumar é renunciar a ser útil. E Galicia non precisa máis nacionalismo que divide. O que precisamos é máis galeguismo que una”.
E a Galicia do socialismo: “A da esquerda. A do progresismo. A do socialismo. Hoxe Galicia é un proxecto que funciona grazas ao talento e talante dun pobo traballador e intelixente”. E engadiu: “Galicia é unha historia de éxito. É imprescindible crer nisto”.
Besteiro referiuse á Axencia AESIA na Coruña, á Axencia Europea da Pesca en Vigo, ás marcas galegas líderes en automoción, téxtil ou agroalimentación, e ao peso da nosa cultura, gastronomía e vitivinicultura. “Temos talento. Temos potencial. Pero Galicia está gobernada por quen nin a entende, nin a quere entender”, lamentou.
A lingua non se boicotea
Tamén denunciou o papel do PP co galego: “Se fose polo Presidente da Xunta, hoxe non se podería falar no Congreso dos Deputados. Ese boicot á nosa dignidade lingüística vai perseguilo sempre”. E engadiu: “Tamén en Europa, o PP de Rueda e Feijóo repite patrón: négase a situar ao galego ao mesmo nivel que o resto de linguas oficiais”.
Fronte a iso, puxo en valor o compromiso do socialismo con todas as linguas do Estado e defendeu “un galego vivo, sen complexos, parte esencial do que somos”.
A vivenda, como medida do país que se constrúe
A vivenda foi outro dos eixos centrais. Besteiro falou dunha situación que “golpea á mocidade, empobrece á clase traballadora, retrasa proxectos de vida e agranda a fenda social”. E denunciou que a Xunta “non fai nada. Liberalizar, desregular… como no 2007. Xa sabemos como remata iso: burbulla, crise, sufrimento”.
Fronte a iso, puxo en valor o traballo dos concellos socialistas e do Goberno central: vivenda protexida, solo público, regulación das vivendas turísticas, zonas tensionadas, Banco Público de Alugueiro, rehabilitación e loita contra a infravivenda. “Iso é galeguismo útil. O que propón. O que actúa. O que resolve”.
No peche da súa intervención, apelou a un galeguismo do século XXI, “aberto, orgulloso, ambicioso, solidario, creativo”. Reivindicou máis autogoberno, máis recoñecemento político e un novo modelo de financiamento: “SINGULAR, que atenda as nosas características; SUFICIENTE, para cubrir as necesidades; CORRESPONSABLE, sen trampas fiscais; e SOLIDARIO, porque Galicia tamén dá e recibe solidariedade”.
E concluíu mirando ao futuro: “Temos motivos de sobra para seguir loitando. Porque sabemos que se poden cambiar as cousas. Xa o facemos. Temos o dereito -e o deber-de soñar cunha Galicia mellor. Dicía Castelao que un galego que non se rebela non é galego. Pois aquí estamos. Galegas e galegos rebeldes, orgullosos, decididos a construír unha Galicia mellor para todos e todas”.
Besteiro, que estivo acompañado na celebración do Día Nacional de Galicia polo secretario xeral da agrupación local de Rianxo, Oscar Rial, e por numerosos cargos e militantes do partido de toda Galicia, realizou ao inicio do acto unha ofrenda floral a Castelao. A mediodía participaron na celebración da Festa Gastronómica da Xouba en Rianxo.