O secretario xeral do PSdeG respalda aos candidatos de Vilardevós, Laza, A Mezquita, Castrelo de Val, Riós e Verín, aos que lles pediu que traballen sempre “mirándolle a faciana” á xente
O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, resaltou este sábado en Verín que estas eleccións municipais marcarán o futuro das vindeiras xerais e quen goberne en España tralas eleccións de finais de 2023.
Na súa intervención na presentación dos candidatos da comarca de Verín, o número un dos socialistas galegos recordou que en múltiples ocasións na historia democrática de España, o partido que gañou as eleccións municipais logo acadou a presidencia do goberno.
Por iso, asegurou que “este 28 de maio non só se elixe ao alcalde ou alcaldesa do pobo, senón a quen vai a dirixir o futuro de España nun momento decisivo”. Continuou remarcando a importancia de que sexan os socialistas os que manteñan o goberno, pola falta de solucións dos populares aos problemas económicos actuais. “Os socialistas velamos polos veciños que pagas os impostos aquí, non polos millonarios que os pagan en paraísos fiscais”, alegou.
Dirixiuse directamente aos candidatos que presentaba cando falou da importancia da “política máis auténtica, directa e real”, a que se fai dende os concellos coñecendo os verdadeiros problemas da xente “á que tes que mirar á faciana” no día a día.
O líder socialista deulles todo o seu apoio para encarar un proceso de municipais que vai a ser complexo, pero agarda uns bos resultados na comarca e na totalidade de Ourense, terra dos seus avós paternos da que resaltou que sempre que vai aprende algo novo.
Formoso fixo o discurso de peche da presentación dos candidatos socialistas da comarca de Verín, no que interviron Gerardo Seoane, alcalde de Verín e candidato á reelección, o candidato á alcaldía de Laza, Juan Ramón Álvarez, candidato socialista en Vilardevós, Julio Prada Hohestein, o candidato a gobernar en Riós, Daniel Caneiro, e tamén Guillermo Tomás García, o socialista que optará a gobernar o concello da Mezquita.
Ademais o acto foi inaugurado pola coordinadora comarcal, Marina Vaz Quintanilla e interviron tamén o alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez García, así como o secretario xeral da provincia de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino.