A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodriguez Rumbo, instou hoxe ao presidente da Xunta a “presionar para que o PP vote a favor dos Orzamentos de 2021 que axuden a este país non se afunda e non se perdan fondos comunitarios”. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Facenda no Pleno do Parlamento de hoxe para presentar as liñas xerais do seu departamento para esta Lexislatura.
A responsable socialista alertou fronte ao “seguidismo de Casado e permitir que siga falando mal do seu país na UE desacreditando a España e todas as nosas institucións, coa falla de patriotismo da que fai gala habitualmente”. Así o dixo ao sinalar o anuncio dos fondos Next Generation procedentes da UE presentados polo presidente da Xunta antes de ter informado ao Parlamento, e que aluden a unhas partidas comunitarias “absolutamente necesarias para a nosa sociedade”.
Rodríguez Rumbo apuntoulle ao conselleiro de Facenda que “non pode ser máis importante cadrar as contas que atender ás necesidades das persoas”, antes de lembrar que el é o encargado de elaborar os Orzamentos da Xunta, que son a máxima mostra de que “a política é decisiva para milleiros de persoas”, nomeadamente na crise do coronavirus.
Apuntou que en 2021 “teremos que transformar a política sanitaria para afrontar os efectos da crise sanitaria da covid, e tamén será o Exercicio no que a política deberá servir para minimizar os efectos devastadores da crise económica e social á que nos ten levado a pandemia”.
Reclamou unha xestión social dos orzamentos porque, dixo, “neste momento mais se cabe que en ningún outro a política ten que ser útil para a sociedade galega, e ten que dar respostas ás necesidades da poboación”. Advertiu da situación na que Galicia afronta a xestión da pandemia, coa demografía, o emprego e as políticas de inclusión social como os “tres grandes fracasos dos gobernos de Feijóo na Xunta de Galicia”.
Endebedamento
Rodríguez Rumbo cuestionou a xestión económica dos gobernos de Feijóo dende 2009, nos que incrementou o endebedamento en case 12.000 millóns de euros, co que en once anos pasaron de supor o 8,6 ao 19,6 por cento do PIB. Dixo que “non tería sido un problema se tivera servido para fixar poboación, incrementar a cohesión territorial, a calidade do emprego, reducir a pobreza, investir en I+D, emprego industrial, dixitalización ou igualdade no emprego”.
Sen embargo, estes 11 anos rematan coa perda de 96.000 persoas dende 2009, a razón de 8.710 por ano de acordo co IGE, como o “primeiro gran fracaso do PP” e de Feijóo á fronte da Xunta, que se limitou a “presentar plans que son sumas de contías orzamentarias” mentres renunciaba a reforzar os servizos públicos, encetar estratexias de conciliación ou reducir a precariedade laboral.
Máis dunha década, dixo, na que o emprego se ten situado como “o segundo gran fracaso de Feijóo, que rematan con 46.000 persoas ocupadas menos que en 2009 e coa perda de 243.000 mozos e mozas de entre 15 e 39 anos que tiveron que irse por non atopar traballo.
Inclusión social
Finalmente, alertou da urxencia da actuación pública para defender da pobreza a un millón de galegos e galegas entre os que se atopan en situación de exclusión, en pobreza severa, os 332.000 pensionistas por debaixo do limiar da pobreza e as 540.000 persoas en risco de pobreza. Alertou do risco certo que supón para estas persoas unha crise económica e social con graves consecuencias para a economía e o emprego.