
A portavoz de Sanidade do Grupo socialista esixe que fagan públicos os datos reais e urxe a mellorar as condicións laborais e o reforzo de persoal en Atención Primaria
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, sinalou hoxe que a Xunta tense demostrado “incapaz de garantir unha atención sanitaria digna”, levando o sistema ao “colapso”. Así o dixo no debate da moción que levou ao Pleno para esixirlle á Xunta que faga públicas as listas de espera reais e reforcen o persoal de Atención Primaria mellorando as súas condicións laborais, pero que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista afeoulle ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Sanidade que sigan “instalados nas promesas baleiras, a autocompracencia e a manipulación das cifras”, centrados nun modelo que “privilexia a cosmética sobre as solucións reais” e carecen de planificación. Criticou que sigan “recortando, externalizando e ocultando información” para agochar que conseguiron “cero resutados” dende que Rueda prometera a rebaixa das listas de espera en 2023.
Acusou ao responsable de Sanidade de recorrer a “argucias estatísticas” distribuíndo aos pacientes entre listas de espera “estruturais e non estruturais” para que desaparezan do cómputo real e “maquillar o que calquera paciente sabe: chamar ao Sergas, se un non aparece nunha lista de espera, é entrar nun labirinto sen saída”.
Reforzo de persoal
Espinosa reclamou o reforzo da Atención Primaria e incrementar a dotación de persoal na busca dun “sistema multidisciplinar onde apoien aos médicos con novos profesionais e ampliando as categorías profesionais con máis especialistas, convertendo este servizo na verdadeira porta de entrada á sanidade. Chamou a tomar “tódalas actuacións precisas” para rebaixar as listas de espera que colapsan á Atención Primaria e se estenden a tódalas especialidades.
A parlamentaria socialista esixiu facer públicas de inmediato a totalidade das listas de espera e propoñerlle ao Estado un sistema homoxéneo de rexistro e cómputo das listas de agarda que garanta a homoxeneidade de tódalas comunidades autónomas. Reclamoulle á Xunta que se adhira a un modelo “honesto, rigoroso e homoxéneo” que “non permita agochar pacientes nin atrasos, que conte a realidade completa e non só a parte que lle interesa ao relato triunfalista do PP”.