A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista criticou tamén o escaso marxe temporal para analizar o documento base do teito de gasto, que “supostamente” aprobará o Consello da Xunta este venres e que servirá de base para o Pleno do 4 de agosto.
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2025. A viceportavoz primeira do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, advertiu este luns que “non se pode falar de teito de gasto sen falar da maneira na que se está gastando”. Tras a Xunta de Portavoces, na que se fixou a data do Pleno extraordinario sobre o teito de gasto da Xunta -o próximo 4 de agosto-, Espinosa fixo referencia ao recente informe da AIReF, que constata que Galicia incumpriu en 2024 a regra de gasto, sen que a Xunta presentara medidas correctoras para reverter a situación.
“A AIReF non é un partido político, é unha autoridade fiscal independente, que fala con datos e que leva tempo advertindo do que pasa en Galicia: gástase máis, pero os servizos públicos seguen igual ou peor. Especialmente a sanidade”, afirmou.
A socialista criticou que, mentres a Xunta presume de estabilidade, os feitos din o contrario: “Galicia xa incumpriu a regra de gasto en 2016, 2019 e tamén en 2024. O máis preocupante é que o propio Plan Económico-Financeiro da Xunta recoñece que non hai medidas para evitar novos incumprimentos en 2026 e nos anos seguintes. Están instalados na improvisación e na propaganda”.
“Rueda gasta sen control e sen mellorar os servizos públicos”
Espinosa advertiu tamén de que o aumento do gasto público non está chegando á cidadanía: “Temos centros de saúde sen persoal, listas de agarda que non deixan de medrar e unha atención primaria que leva anos reclamando reforzos. Pero o que si mantén o PP son as rebaixas fiscais para os seus amigos, para quen máis ten, reducindo a capacidade da Xunta para investir onde fai falta”. E engadiu: “Rueda gasta sen control e sen mellorar os servizos públicos, e iso non é só unha mala xestión, é un engano consciente á sociedade galega”.
Neste contexto, o Grupo Socialista puxo tamén o foco na falta de avances respecto ao Estatuto Marco do persoal sanitario, que segue sen aplicación real por parte da Xunta. “Non é só unha cuestión de recursos, senón de prioridades políticas”, dixo.
Por último, e a preguntas dos xornalistas, Espinosa lamentou o escaso tempo de marxe para estudar o documento base do teito de gasto, que previsiblemente aprobará o Consello da Xunta este venres e que será a base do debate parlamentario do próximo 4 de agosto. “Así é como trata o PP á oposición, pretende que os grupos asumamos sen análise un marco orzamentario que afecta ao conxunto das contas públicas para o próximo ano. É outra mostra máis da súa maneira de gobernar: sen transparencia, sen diálogo e sen tempo para o rigor”, concluíu.