

A portavoz socialista de Sanidade denuncia que os orzamentos da Xunta “non cobren nin as necesidades mínimas da sanidade galega” e que “o Goberno de Rueda continúa maquillando as cifras mentres desatende o sistema público”
Acusou a Xunta de practicar “contabilidade creativa” para aparentar equilibrio orzamentario: “Subestiman as partidas e logo amplían créditos a metade de exercicio. É unha fraude técnica e política.”
A portavoz socialista de Sanidade no Parlamento de Galicia, Elena Espinosa, advertiu hoxe na Comisión de Orzamentos que os presupostos da Xunta para 2026 “non dan resposta ás necesidades reais da sanidade galega” e que “o Goberno de Rueda continúa vendendo propaganda mentres a sanidade pública se afunde por falta de planificación e recursos”.
Espinosa lembrou que o orzamento de Sanidade para 2026 ascende a 5.671 millóns de euros, un 3,9% máis, pero advertiu que o incremento é claramente insuficiente e enganoso: “O Consello de Contas xa advertiu que en 2024 houbo que inxectar 600 millóns adicionais ao Sergas para cubrir o gasto real. É dicir, partimos dun déficit estrutural que estes orzamentos nin corrixen nin recoñecen”, explicou.
A deputada acusou a Xunta de practicar “contabilidade creativa” para aparentar equilibrio orzamentario: “Subestiman as partidas e logo amplían créditos a metade de exercicio. É unha fraude técnica e política.”
Tamén insistiu en que “ver a sanidade como un gasto é un erro moral e político”: “A sanidade é o maior investimento en benestar, emprego e cohesión social. É un motor económico e non un burato contable”.
“A atención primaria segue sen ser a prioridade que Galicia necesita”
Na súa intervención, a portavoz socialista cualificou de “insultante” o discurso da Xunta sobre a atención primaria: “Falan de centros de saúde ‘capaces de saír á rúa’, pero non son capaces de garantir atención médica en 48 horas. Iso non é innovación, é abandono”.
Nesta liña, advertiu que Galicia mantén unha das atencións primarias peor financiadas de España, con 1.989 euros por habitante, segundo a AIReF e a Intervención Xeral, e que o Goberno galego segue destinando máis diñeiro ao pago da débeda que á atención básica da cidadanía. “As listas de espera son inasumibles, o persoal está esgotado e as infraestruturas atrasadas. Estes orzamentos non traen solucións, traen resignación”, denunciou.
A saúde mental, a emerxencia silenciosa
Na súa réplica, Espinosa centrou o seu discurso na situación da saúde mental, advertindo que “Galicia vive unha emerxencia silenciosa mentres o Goberno da Xunta continúa mirando para outro lado”. E explicou que o Plan Galego de Saúde Mental 2020-2024 está caducado e estamos a rematar 2025 sen un novo plan en vigor. “É inadmisible”, reprochou xa que, lembrou, a taxa de suicidios en Galicia “segue medrando”, e acusou ao Executivo autonómico de vender un plan inexistente en roldas de prensa.
Espinosa afirmou que “a saúde mental non se defende con titulares, deféndese con profesionais e medios reais” e advertiu que o Goberno galego “acumula unha lista de deberes sen cumprir”
.
“Son compromisos reiterados ano tras ano sen respaldo financeiro. E así non se pode garantir unha sanidade digna nin moderna”, engadiu.
Tamén puxo en dúbida a viabilidade do anuncio de 1.230 novas prazas de persoal: “Oxalá fora certo, pero o orzamento non dá nin para pagar un terzo deses salarios. É un exercicio de propaganda.”
Para concluír, Espinosa fixo unha reflexión política: “A democracia asóciase cun maior nivel de saúde, pero non todas as opcións políticas actúan igual. Os gobernos da dereita, tamén en Galicia, demostraron un menor compromiso coa sanidade pública e coa atención primaria”.
Por iso, para a deputada socialista, estes orzamentos son “unha nova oportunidade perdida para reconstruír a sanidade pública galega” e “a proba de que a Xunta carece de vontade para resolver o colapso dos centros de saúde, reducir as listas de agarda e garantir unha atención accesible e de calidade”.
“A saúde dos galegos e galegas non pode depender da propaganda nin da contabilidade. Precisa planificación, recursos e compromiso co servizo público. E iso é xusto o que falta nestes orzamentos”, concluíu.