
A deputada socialista reclama blindar a autonomía do Consello de Contas e dotación suficiente para que poida facer fronte aos novos ámbitos de fiscalización
O Conselleiro Maior de Contas, Juan Carlos Aladro, compareceu hoxe no Parlamento para explicar o seu orzamento para 2025, dentro da tramitación dos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma. Neste contexto, a portavoz socialista na Comisión de Orzamentos, Elena Espinosa, cargou contra a práctica sistemática do PP de atrasar durante meses o debate dos informes de fiscalización aprobados polo Consello. Para Espinosa, esta práctica “desactiva o impacto público” da fiscalización e impide que a cidadanía coñeza en tempo útil como se xestionan os recursos públicos en Galicia.
A socialista subliñou que o Consello cumpre o seu procedemento: fiscaliza, aproba en Pleno e remite os informes ao Parlamento. O problema —precisou— comeza a partir de aí: é o Parlamento, que preside o PP, quen os retén, os acumula meses e os leva a comisión fóra de tempo, resolvéndoos logo en poucos minutos, sen profundidade real. Espinosa lembrou ademais que o PSdeG xa propuxo modificar as normas que regulan esta relación Parlamento–Consello para garantir prazos claros e debates útiles, pero esas propostas “non tiveron resultado ningún” debido á falta de vontade do PP.
No bloque estritamente orzamentario, recoñeceu o incremento do 3,36% para 2025 e cualificou como coherente que o 77% do gasto sexa persoal, dado o carácter técnico do organismo. Con todo, preguntou expresamente se os recursos humanos actuais son suficientes, advertindo de que ámbitos novos como ciberseguridade poden facer que a recente RPT quede curta en pouco tempo.
Espinosa concluíu que se o Consello de Contas é o garante da transparencia, do bo uso dos recursos e da credibilidade financeira da administración galega, non abonda con que exista formalmente: “debe ter medios reais, suficientes e estables”. Ademais, marcou un horizonte: o PSdeG quere que 2026 sexa o ano no que a Xunta comece a cumprir sistematicamente as recomendacións do Consello de Contas.