A parlamentaria socialista acusa á Xunta de desprezar a oportunidade de aumentar o número de médicos e esíxelle que convoque tódalas prazas que o Estado pon á súa disposición
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, acusou hoxe ao PP de “faltar á verdade” ao acusar ao Estado de sacar poucas prazas de formación sanitaria especializada. A responsable socialista lembrou que o Goberno central leva 7 anos consecutivos habilitando o maior número de prazas MIR da historia, e se non ten máis prazas é porque non as pide.
A realidade, dixo, é que cantas máis prazas hai en Galicia máis quedan baleiras polas condicións que se ofrecen na Atención Primaria e porque a Xunta despreza a oportunidade de ter máis médicos ao deixar sen convocar tódalas prazas de formación que ten dispoñibles.
Explicou que Galicia está renunciando a aproveitar tódalas prazas de formación de médicos de Atención Primaria que o Estado está a ofrecer. Criticou que o PP “nunca recoñecerá que hoxe pagamos os recortes do PP pola rebaixa de médicos impostas polo goberno de Rajoy e os que están a aplicar Rueda e Feijóo voluntariamente”.
Criticou a “irresponsabilidade” dos gobernos do PP que “nunca sacaron as prazas necesarias” de formación sanitaria especializada, fronte ao incremento constante convocado cada ano dende a chegada de Pedro Sánchez ao goberno en 2018.
Así, mentres cos recortes de Rajoy convocaron 8.043 prazas de formación Sanitaria Especializada entre 2017 e 2018, o goberno de Pedro Sánchez habilitou 12.366 para o ano 2026, un 54 por cento máis de prazas de Formación Sanitaria Especializada. Estas inclúen maioritariamente prazas MIR -9.276, un 42 por cento máis que as 6.513 habilitadas entre 2017 e 2018- e de enfermaría.
No caso de Galicia, o goberno de Pedro Sánchez incrementou un 73 por cento as prazas de Formación Sanitaria Especializada dende 2018 ata hoxe, e máis que duplica as de Medicina Familiar e Comunitaria, que acadaron un incremento do 111,2 por cento.